"Para Domus Vi os anciáns son números, non persoas"

Exterior da residencia San Lázaro (Domus Vi).
A avoa de Mariluz Iglesias Roldán faleceu o 3 de abril, tras ser trasladada desde a residencia Domus Vi San Lázaro ao centro medicalizado de Porta do Camiño. A súa neta denuncia a opacidade da directiva de Domus Vi desde que tivo noticia, pola prensa, dos primeiros contaxios por coronavirus no centro. "Para Domus Vi os anciáns son números, non persoas", denuncia.

O 18 de marzo, a Xunta da Galiza confirmou os primeiros contaxios por coronavirus en residencias galegas. Un en Caldas de Reis, o do residente nun centro xestionado pola orde das Irmás das Anciás Desamparadas, e outros sete no centro Domus Vi San Lázaro de Santiago de Compostela. Asfareba, a Asociación de Familiares e Usuarias de Residencias Domus VI, denunciou a falta de medidas de protección para residentes e persoal.

Co paso dos días, os informes de Política Social deron conta do aumento do número de contaxios, e tamén dos falecementos entre residentes. A avoa de Mariluz Iglesias Rolán foi unha das residentes infectadas pola enfermidade. A súa neta censura a “opacidade” da empresa na xestión dos contaxios. “Faleceu o día 3 de abril, tras ser trasladada o 27 de marzo á residencia medicalizada de Porta do Camiño”, explica en conversa con Nós Diario.

Por teléfono, Iglesias Rolán explica que a súa avoa foi usuaria de Domus Vi San Lázaro “durante cinco anos”. “Tiñamos contacto con ela todos os días, sobre todo miña nai que traballa perto e que se achegaba a visitala e coidar dela”, detalla.

Tiñamos contacto con ela todos os días, sobre todo miña nai que traballa preto, explica Mariluz

Cando comezou a corentena, suspendidas as visitas, os contactos mantivéronse a través do teléfono móbil. “O 20 de marzo miña nai envioume unha noticia do Correo Gallego, na que se explicaba que había varios contaxios na residencia e que a planta onde estaba aloxada miña avoa fora illada”, conta a súa neta.

A nai e mais o tío de Iglesias Rolán chamaron ao día seguinte para informarse da situación. “Explicáronlles que estivesen tranquilos”, explica ela, mais non recibiron máis detalles. O 22 de marzo, ante a ausencia de contactos por parte da directiva de Domus Vi, Iglesias Rolán remitiu un escrito a todos os enderezos que atopou na rede relacionados coa empresa. Tampouco obtivo resposta. Dous días despois un médico chamou á familia para explicar que súa avoa tiña os síntomas da COVID-19.

Ao longo dos días, grazas a axuda dun traballador do centro, a nai de Mariluz foi quen de facer unha videochamada con súa avoa. “Emociounouse moito, porque a atopou en mal estado”, explica ela. Na noite do 27, a familia foi informada do seu traslado ao centro medicalizado de Porta do Camiño. “Unhas horas antes meu tío foi contactado por teléfono e explicáronlle que se atopaba ben”, censura a súa neta.

Unhas horas antes meu tío foi contactado por teléfono e explicáronlle que se atopaba ben, censura a neta

Iglesias Rolán destaca a diferenza de trato unha vez que súa avoa ingresou en Porta do Camiño. “Fan videochamadas, explican como son os cuartos, as familias están informadas”, agradece. Uns días despois recibiron a notificación do falecemento. “Mentres estivo en Domus Vi en ningún momento nos deixaron decidir se sentir dor ou non, estivemos con angustia todo ese tempo”, afirma.

Mentres estivo en Domus Vi en ningún momento nos deixaron decidir se sentir dor ou non

“Esta enfermidade é cruel por si mesma, non te podes despedir, non podes coller a man, pero non entendo que che fagan ter esperanza, que che digan que está ben. Non podía estalo, se foi trasladada a Porta do Camiño”, denuncia esta familiar.

A día de hoxe a familia non recibiu “ningún comunicado oficial por parte de Domus Vi”. “Para a directiva, miña avoa non contabiliza como un falecemento porque o seu pasamento non foi no centro, mais si contabiliza para cobrar, pois a miña nai pasáronlle a factura dos primeiros días de abril”, denuncia. “Eu espero que a miña testemuña poda servir para chamar a atención sobre o tratamento dos maiores, que axude a outros familiares. Para Domus Vi os anciáns son números, non persoas”, conclúe por teléfono.