Universidades e colexios alíanse en Lugo e Ourense polo Día da Muller na Ciencia

Un dos obradoiros impartidos por XuvenCiencia en 2019 (Imaxe: XuvenCiencia).
Docentes, investigadoras e alumnas do campus de Ourense da UVigo e do campus de Lugo da USC organizan obradoiros dirixidos a alumnado escolar. As actividades, celebradas polo Día da Muller na Ciencia, tratan de rachar estereotipos e animar a vocación científica nas rapazas.

O 12 de febreiro está marcado no calendario de conmemoracións da Organización das Nacións Unidas como o Día da Muller e da Nena na Ciencia. En Lugo e Ourense docentes e investigadoras danse a man cos colexios para achegar ao alumnado unha ciencia que rompa cos estereotipos de xénero.

O grupo de innovación docente do campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, XuvenCiencia, decidiu achegar ao CEIP Paradai de Lugo a experiencia de vinte investigadoras. Docentes, doutorandas e estudantes dos últimos cursos do campus impartirán unha serie de obradoiros ao longo da xornada. As actividades foron adaptadas para todas as idades. Inclúen un xogo de pilla-pilla sobre a cadea trófica ou actividades de robótica para o alumnado de Educación Infantil; un traballo sobre alimentación saudábel ou xestión responsábel da auga para os primeiros cursos de Educación Primaria; unha introdución ás curas de enfermaría ou botánica para terceiro e cuarto ou experimentación coa fibra óptica para a rapazada de quinto e sexto.

O colectivo tamén adaptou un obradoiro no que se desmontarán os prexuízos de xénero arredor dos oficios científicos. A coordinadora de XuvenCiencia, Mercedes Novo, valorou a importancia de espertar unha vocación nas nenas máis forte que os estereotipos. 

Experimentar en feminino
No campos de Ourense, 120 docentes e alumnas do campus e 300 escolares participarán na iniciativa Exxperimenta en Feminino, coa III Xornada de divulgación en ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas.

As docentes Alma Gómez, da Escola Superior de Enxeñaría Informática, Julia Carballo, da Facultade de Ciencias, e Nieves Lorenzo, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo coordinan os 14 obradoiros prácticos que se levarán a cabo.

Alma Gómez, unha das coordinadoras, avanzou os obxectivos que persegue esta xornada: "O que queremos facer non é só divulgación científica pura, queremos que os rapaces e rapazas vexan o papel da muller na ciencia, que vexan que hai moita investigación científica levada a cabo por mulleres en xeral e en particular neste campus e que se normalice a presenza da muller en todos os ámbitos científicos".