Entrevista a Yaiza Rubio, analista de intelixencia Elevens Paths

“Non nos podemos permitir deixar as mulleres fóra da tecnoloxía”

Yaiza Rubio, analista de intelixencia Elevens Paths, a unidade de ciberseguridade de Telefónica.

Comeza a segunda edición do Girl STEM: derrubando estereotipos, unha iniciativa da Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Galiza (Amtega).

Fomentar as vocacións tecnolóxicas entre as estudantes máis novas e reducir a fenda de xénero no ámbito dos estudos STEM; é dicir, nas titulacións de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas. Este é o obxectivo do programa de mentoring que desde esta sexta feira propón varios encontros entre mulleres profesionais, expertas en diferentes áreas das novas tecnoloxías da información e da comunicación; co alumnado de secundaria e bacharelato de catro cidades galegas.

O vindeiro día 9, na sede Afundación de Ourense, a rapazada da cidade terá a oportunidade de escoitar Yaiza Rubio, analista de Intelixencia na unidade de ciberseguridade de Telefónica (Elevens Paths), con quen falou Sermos Galiza.

Que valor teñen este tipo de encontros entre mulleres profesionais da ciencia e da tecnoloxía co alumnado que xa comeza a tentear o seu futuro?

Experiencias así son fundamentais e creo que máis importante aínda é que as rapazas e os rapaces en idade escolar comecen a trebellar coa tecnoloxía para descubrir se realmente é algo que lle pode gustar facer no futuro. Moitas veces cando eliximos unha carreira ou imaxinamos un futuro profesional, guiámonos por cousas que non son moi obxectivas ou que simplemente descoñecemos. Este tipo de programas contribúen a salvar esa falta de información e animan a rapazada a reparar no que realmente lles gusta para que tomen a mellor decisión.

Canto saben as nenas de tecnoloxía para quereren dedicarse a ela no futuro?

Neste tipo de foros eu vexo que realmente lles gusta a tecnoloxía. Teñen interese en aprender a programar, en saber como funcionan as cousas polo miúdo e póñenlle moito empeño. Pero non sei ben que pasa cando chegan aos 17 ou 18 anos que, ao final, non se dedican a este tipo de carreiras.

Creo que nuns casos é por falta de información e noutros por medo, porque dubidan da súa capacidade para completala con éxito. Se lles gusta teñen que seguir adiante. Se son capaces con 14 ou 15 anos serano moito máis cando cheguen á Universidade. Debemos dárlles confianza, aprenderlles a xestionar esa frustración prematura e animalas a formarse no que de verdade lles gusta.

Moitas mozas recoñecen que non dan o paso porque prefiren unha alternativa que teñan unha aplicación social co fin de mellorar o contorno no que viven.

Iso é o que fai agora a tecnoloxía, tratar de arranxar os problemas reais da xente. Eu non me dedico todos os días a programar diante dunha pantalla. Traballar en informática, en seguridade, en telecomunicacións e noutras moitas disciplinas significa a creación e os uso de tecnoloxía pensada para facer máis doada a vida das persoas.

A quen lle corresponde alentar o acceso das mulleres ás carreiras tecnolóxicas?

O papel das escolas é fundamental. A miña dúbida é se o profesorado está preparado para trasladar ás aulas o mundo que vivimos e, incluso, se está familiarizado coa realidade das empresas. Cústame crer que ese rol estea plenamente integrado no ámbito educativo. Máis ben é unha materia propia de extraescolares que depende da iniciativa particular. Aquí hai unha fenda que cómpre tapar canto antes. As escolas teñen que adaptarse e o profesorado, conseguir motivar por igual o seu alumnado.

Por que é importante que as mulleres accedan ás carreiras tecnolóxicas?

Non nos podemos permitir deixar as mulleres fóra da tecnoloxía porque somos a metade da poboación e porque o mundo é cada vez máis dixital. Isto significa que temos que aprender tecnoloxía, saber como funciona e creala. O contrario significa deixar moita xente fóra do mercado laboral e da propia realidade. As mulleres temos que estar aí para podermos contribuír e decidir como vai ser o futuro.

Con que vas a inspirar á rapazada de Ourense que acuda ao teu encontro a vindeira cuarta feira na Sede Afundación?

Motivar a xente non consiste só en contarlle a túa vida. Eu voulles mostrar como creamos tecnoloxía e o satisfactorio que pode chegar a ser. Ademais, levarei algunhas propostas para que as nenas suban xogar comigo e proben a facer a tecnoloxía. Traballaremos o concepto de seguridade, de protección de datos e de autenticación con aplicacións móbiles e unha máquina expendedora de caramelos que non se che vai dar ningún se non detecta que es ti.