En abril e maio de 2020

A astrofísica irlandesa Jocelyn Bell participará no Congreso de Astronomía da Coruña

A astrofísica Jocelyn Bell nunha imaxe de 2009 tomada en París. Foto: Wikipedia.

Foi a primeira científica en detectar un pulsar, estrela de neutróns en rotación moi rápida que emiten regularmente radiacións de grande intensidade. A súa descubridora, a astrofísica irlandesa Jocelyn Bell (Belfast, 1943), será unha das protagonistas do Congreso Estatal de Astrofísica que terá lugar na Coruña entre o 30 de abril e o 3 de maio de 2020.

Investigadora e docente, con máis de 50 anos de carreira, Bell tamén é un referente “polo seu compromiso activo a prol da educación e da igualdade de oportunidades na ciencia”. Así a presentaron en comparecencia de prensa a coordinadora do encontro, Carmen Álvarez, e mais o concelleiro de Culturas da Coruña, José Manuel Sande.

 

O evento, que por primeira vez será na Galiza, procurará “achegar a astronomía á cidadanía”. Científicos de diferentes perfís, do máis académico ao máis divulgativo, formarán o programa.