Iria Veiga, psiquiatra, estrea sección en Sermos Galiza

"Se queremos entender o mundo en que vivimos, temos que saber de ciencia"

Iria Veiga

Iria Veiga é médica psiquiatra no Hospital do Barbanza. Desde o blog O outro lado do espello, contribúe a divulgar a ciencia. Precisamente, con ese obxectivo nace "Po de estrelas", unha sección mensual coa que nos acompañará no semanario Sermos Galiza.

Por que “Po de estrelas”?

 

Po de estrelas é unha expresión que fai referencia a unha famosa frase de Carl Sagan, divulgador entre os divulgadores e o modelo ao que case todos os que nos metemos nesta aventura queremos achegarnos. Na súa serie Cosmos, Sagan di que todos nós somos po de estrelas, porque os nosos átomos creáronse hai miles de millóns de anos no interior incandescente dunha estrela, e volverán formar parte do universo cando xa non existamos. Para min, é un xeito moi fermoso de dicir que o mundo material contén a totalidade da realidade, sen espazo para o sobrenatural ou o espiritual, pero ao mesmo tempo é tan incribelmente asombroso que realmente non é necesario inventar ningunha outra cousa para sentirnos admirados e sobrecollidos. Ademais, pode ser unha referencia ao Ziggy Stardust de David Bowie, que tamén tiña unha relación moi especial coa ciencia e incluía moitas veces nos seus temas referencias ao espazo, ás viaxes intergalácticas, etc.

 

Que imos atopar nesta sección?

 

Tratarei de falar de xeito accesíbel de temas científicos que, ao meu entender, forman parte da cultura xeral. Do mesmo xeito que entendemos que unha persoa culta debe ter coñecementos de arte, literatura ou historia, tamén debe telos sobre ciencia, dado que nos relacionamos con ela no noso día a día e moitas veces os seus mecanismos resúltannos alleos. Farei especial fincapé nas neurociencias e na medicina porque forman parte da miña especialidade e do meu traballo diario, pero falarei tamén de temas científicos de outra orde.

 

Que a leva a se iniciar nesta aventura divulgativa?

 

Todo comezou cun blogue na era dourada do blogomillo que pretendía ser unha bitácora persoal e que non tiña ningunha intención inicialmente divulgativa. A medida que foi pasando o tempo, as entradas decantáronse cada vez máis cara a temas de tipo científico, porque aumentou o meu interese nestes campos e porque me decatei dunha carencia deste tipo de temas nas redes, que a día de hoxe por sorte xa non padecemos. A miña páxina actual, O Outro Lado do Espello, é un derivado, agardo que mellorado, daquel primitivo Espello do blogomillo. A raíz del, foron xurdindo participacións noutras iniciativas como Escépticos no Pub, Pint of Science etc.

 

"Como dicía Einstein, só entendes algo se es capaz de explicalo de maneira que o entenda a túa avoa"

 

Precisamente, tanto desde as redes sociais como desde o seu blog leva anos tratando de buscar respostas sinxelas para transmitirllas ao conxunto de lectoras e lectores. Como logra divulgar a ciencia para que a entendamos todas e todos?

 

Como dicía Einstein, só entendes algo se es capaz de explicalo de maneira que o entenda a túa avoa. A pesar de que a ciencia é un campo que ás veces pode resultar complexo, os conceptos principais poden (e deben) ser explicados nunha linguaxe cotiá e cun nivel de dificultade accesíbel para calquera. Como en calquera outro campo, non é necesario ser un experto para entender o básico dunha idea. Para min a esencia da divulgación é lograr seleccionar as liñas principais de calquera idea ou concepto e vertelas a linguaxe non técnica, o cal non sempre resulta doado, pero é gratificante.

 

"Se non comprendemos con claridade como opera o coñecemento científico é doado que sexamos vítimas de supersticións ou de teorías pseudo-científicas"

 

Por que divulgación e ciencia deberían ir da man?

 

Porque o desenvolvemento científico-técnico modificou profundamente o mundo no que vivimos, tanto explicando as realidades naturais como cambiando de xeito radical o noso entorno, o xeito de comunicarnos e de relacionarnos. Polo tanto, se queremos entender o mundo no que vivimos, temos que saber, polo menos, un pouco, de ciencia. Ademais, se non comprendemos con claridade como opera o coñecemento científico é doado que sexamos vítimas de supersticións ou de teorías pseudo-científicas que ás veces copian o mesmo vocabulario especializado, pero sen o método rigoroso e os resultados das verdadeiras ciencias.

 

Nas redes sociais é a Raíña Vermella, ten algo a ver con Alicia no País das Marabillas?

 

Ten que ver coa Alicia da obra de Carroll, que por certo era matemático, pero non coa malvada Raíña de Corazóns do País das Marabillas. Na segunda parte deste libro delicioso, Alicia a Través do Espello, a protagonista atópase con outro personaxe diferente, a Raíña Vermella, que sería o equivalente á raíña negra do xogo do xadrez. A función desta outra raíña dentro da novela non é ser a antagonista desapiadada, senón amosarlle a Alicia como funciona ese outro mundo tras o espello, que conta cun conxunto de normas propias. Como a miña función aquí tamén pasa por explicar como funciona o mundo, pareceume que me acaía ben o nome.

 

Cada vez son máis as iniciativas sociais que impulsan a ciencia en galego. Vostede é un dos exemplos que evidencia que o galego é eficaz á hora de divulgar a ciencia. A que cre que se debeu o veto do Goberno Feixoo ao galego nas materias do ámbito científico?

 

En parte, creo que se debe ao prexuízo que asocia o galego ao popular, ou no mellor dos casos a usos líricos ou literarios, mentres que considera que o progreso científico técnico é un ámbito que lle é alleo. Por outra banda, tamén penso que detrás desta decisión se agocha o desexo de reducir o galego a unha peza de museo, unha lingua de uso institucional ou folclórico pero sen presenza real no noso futuro. Divulgar en galego é a miña pequena rebelión contra ese obxectivo.

 

"A situación das mulleres no ámbito da ciencia é a peor dentro deste panorama desolador"

 

Cal é a situación da muller científica na Galiza?

 

A situación da ciencia no conxunto do estado é precaria, na Galiza aínda máis precaria, e a situación das mulleres no ámbito da ciencia é a peor dentro deste panorama desolador. Ás trabas administrativas e orzamentarias para a investigación que padece todo o sector únense as duplas e triplas xornadas das mulleres, que aínda continúan a encargarse da maior parte do traballo doméstico e da práctica totalidade do traballo de coidados. Este panorama volve moi complicado que unha muller poida ter unha carreira investigadora, dado que parte dunha situación de total desvantaxe. Ademais, aínda se tende a continuar considerando o traballo feminino como un complemento á economía familiar, sempre supeditado ao traballo de coidados ou ás carreiras e aspiracións laborais dos homes. No meu caso, teño relativa sorte, porque a miña principal dedicación é a asistencia e non a investigación, que a pesar de ser un campo tremendamente precarizado nos últimos anos, non chega a padecer os problemas gravísimos que lastran a práctica investigadora.

 

[O semanario Sermos Galiza número 323 está á venda na loxa e nos quiosques]