Inés Viana, investigadora e nai afectada convocatoria de bolsas posdoutorais

“Son nai e científica e quero aplicar o aprendido na miña terra e que a miña filla se críe nela”

Inés Viana

Por mor dun erro de previsión da Xunta de Galiza na convocatoria de bolsas posdoutorais até 34 investigadoras e investigadores que estaban contratados polas tres universidades galegas a través do programa da Xunta I2C quedan no paro. Ademais, este ano o programa penaliza a aqueles investigadores e investigadoras que soliciten baixas por maternidade ou paternidade.

Inés Viana é unha das investigadoras afectadas e, ao igual que as súas compañeiras e compañeiros cos que Sermos Galiza conversou a pasada semana, ve con preocupación o desentendemento da Xunta de Galiza perante esta problemática. Precisamente, o día 1 de xullo unha delegación do grupo de investigadoras e investigadores afectados reuníronse coa Consellaría de Educación para tentar paliar o agravio, mais desde a Xunta, e a pesar da súa responsabilidade, instaron o colectivo afectado a pedir solución ás universidades.

Inés Viana ten 34 anos e unha filla de 14 meses coa que vive en Vigo. Traballa no campo da ecoloxía mariña na UVigo investigando organismos mariños do litoral que constitúen un auténtico bosque do mar. Durante tres anos traballou para distintos centros investigando coa bolsa da Xunta dunha modalidade contractual denominada A. Ao igual que as outras 34 investigadoras e investigadores a súa idea é continuar dous anos máis mediante o contrato B que tamén convoca a Xunta. Porén, esta institución retrasou a convocatoria e como mínimo até novembro non se poderán incorporar algunhas destas persoas á universidade, co cal todos estes meses ficarán no desemprego e sen poder prever se terán a bolsa para poder continuar os seu traballo.

En que afecta a incertidume en que vos deixa a Xunta á túa investigación e á túa actividade académica?

É importante facer chegar que en investigación se ti paras, a túa ciencia para contigo

No meu caso non estou afectada polo paro de 5 meses, senón por desfrutar dun permiso por maternidade. O programa contempla a paralización dos contratos durante o permiso de maternidade para reanudalos cando te incorporas. Pero esta paralización supón na realidade unha penalización e unha discriminación fronte as mulleres que somos nais, pois quédome descolgada do resto da xente da miña convocatoria e teño que esperar indefinidamente e sen contrato por unha convocatoria que non sabemos nin en que termos nin cando sucederá.

Esta paralización supón na realidade unha penalización e unha discriminación fronte as mulleres que somos nais

De que me sirve a min que me prorroguen o contrato se o ano que ven mándanme ao paro indefinidamente? É importante facer chegar que en investigación se ti paras, a túa ciencia para contigo, por iso as mulleres que decidimos ser nais e científicas necesitamos dun especial apoio institucional.

Levo traballando en ciencia dende que rematei a carreira hai xa 12 anos, e non quero renunciar ao meu traballo, e non renuncio. Pero eu acollinme o meu dereito de desfrutar do permiso de maternidade, porque penso que teño un compromiso coa miña filla. Quero ser nai e científica, quero aplicar o aprendido na miña terra e que a miña filla se críe nela. Quero que todo o diñeiro publico invertido na miña formación repercuta en melloras para a sociedade e economía galega. Mais a nivel persoal reformúlome o meu futuro científico constantemente ao ver diferentes casos ao meu arredor, co desgaste que iso implica.

Levo traballando en ciencia dende que rematei a carreira hai xa 12 anos, e non quero renunciar ao meu traballo

Máis da metade das mulleres de 45 anos que non tiveron fillos quixera telos, máis manifestan como un dos principais motivos de non dar o paso as razóns laborais e de conciliación. E parece que teñen razón, pois esta etapa inicial da carreira científica é altamente competitiva e coincide coa etapa, bioloxicamente, co coidado dos menores.

 

Que lle pedirías á túa Universidade e á Xunta de Galiza?

Á Universidade pediríalle que aposte por esta xeración de científicos e que aproveite as ganas que temos de traballar e de facer ciencia nas universidades da Galiza grazas a este programa I2C.

Pediríalle á Xunta que o seu compromiso coa natalidade inclúa a conciliación, escoitando as mulleres que decidimos ser nais e precisamos dunha especial protección mediante medidas concretas de continuidade na carreira investigadora como o mantemento de prazos fixos das convocatorias, prazos flexíbeis de incorporación, ter en conta o tempo efectivo de traballo, aumento dun ano por fillo nas solicitudes das convocatorias, etc.

Pediríalle á Xunta que o seu compromiso coa natalidade inclúa a conciliación, escoitando as mulleres que decidimos ser nais e precisamos dunha especial protección mediante medidas concretas de continuidade na carreira investigadora

Estas medidas xa existen en diversas convocatorias estatais e europeas. Eu pediría á Universidade de Vigo e á Xunta de que aposten pola investigación e a conciliación escoitando as persoas.

 

En que consiste o proxecto de investigación no que traballaches na convocatoria A?

Traballo en ecoloxía mariña. A miña investigación céntrase no impacto dos aportes antropoxénicos de nutrientes nos macrófitos mariños, macroalgas e fanerógamas, dos sistemas litorais. Estes organismos son os bosques do mar, a súa importancia radica nos seus servizos ao ecosistema que inclúen, entre outros, a produción de osíxeno ou o mantemento doutros organismos proporcionándolles alimento e protección.

Os aportes extra de nutrientes ao medio, provenientes por exemplo da agricultura ou augas residuais, poden exceder a capacidade de autorregulación do sistema producindo un desequilibrio ecolóxico denominado hipereutrofización, que leva asociados cambios, primeiro a nivel fisiolóxico nos organismos, e despois nas comunidades, como perda de biodiversidade.

Estes impactos do ser humano a nivel rexional, xunto cos cambios a escala global, repercuten nas respostas e no equilibrio destes organismos e do sistema.

 

En que centros de investigación traballaches estes anos coa bolsa da Xunta e que consideras que achegou a túa estadía ao sistema de investigación galego?

Durante a estadía no estranxeiro coa axuda posdoutoral da Xunta de Galiza estiven no Leibniz Centre for Tropical Marine Research (ZMT) en Bremen (Alemaña) e no Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental (CIIMAR) en Porto. Anteriormente fixera estadías no Marine Biological Laboratory nos EEUU e no Inter-University Institute for Marine Sciences de Israel.

Estou a adoptar as ferramentas aprendidas para desenvolver indicadores fronte a contaminación mariña nas costas galegas

Nestas estadías aprendín técnicas de análise, deseño experimental e apertura dos meus estudos a un escenario de cambio global do que a Galiza forma parte. Estou a adoptar as ferramentas aprendidas para desenvolver indicadores fronte a contaminación mariña nas costas galegas.

Estudar os efectos nos produtores primarios mariños é importante, especialmente na Galiza, que con máis de 1600 km de costa (a máis extensa do territorio nacional) ten parte da súa economía baseada nestas áreas, como o marisqueo ou turismo, o mesmo tempo que concentra a maioría da súa poboación na costa.