A UE exerce a censura coa guerra en Ucraína de fondo

Diversas plataformas xa bloquearon o acceso ás contas de RT e Sputnik. (Imaxe: Nós Diario)
Diversas plataformas xa bloquearon o acceso ás contas de RT e Sputnik seguindo as ordes da Unión Europea, que decidiu censurar eses medios. Desde Nós Diario abordamos se a decisión se axusta ás leis comunitarias.

O 1 de marzo a Unión Europea (UE) promulgaba un regulamento no que aprobaba “prohibir aos operadores [de comunicacións] difundir, permitir, facilitar ou contribuír de outro modo á emisión de calquera contido” dos medios estatais rusos Sputnik e Russia Today (RT) nas súas versións en inglés e castelán, e mais nas edicións do Reino Unido, Alemaña e Francia.

O Consello da Unión Europea xustificou a censura destes medios no territorio da UE sostendo que “as accións de propaganda” que supostamente efectúan estes medios de comunicación “constitúe unha ameaza importante e directa para a orde pública e a seguridade da UE”.

O organismo afirmou que a “propaganda” de Rusia “atacou, de maneira reiterada e constante aos partidos políticos europeos e a sociedade civil, os solicitantes de asilo, as minorías étnicas rusas, as minorías de xénero e o funcionamento das institucións”, “distorcendo e manipulando gravemente os feitos” para xustificar a intervención militar en Ucraína.

Asemade, asevera que a decisión está en consonancia “coa Carta dos Dereitos Fundamentais” da UE, que afirma que “toda persoa ten dereito á liberdade de expresión, que comprende a liberdade de opinión e de recibir ou comunicar informacións e ideas sen que poida haber inxerencia de autoridades públicas e sen consideración de fronteiras”, facendo fincapé en que “se respecta a liberdade dos medios de comunicación e o seu pluralismo”.

Hai uns días, o avogado da Confederación Intersindical Galega, Héctor López de Castro, lanzaba nas redes sociais un debate arredor da legalidade desta medida, tendo en conta que os regulamentos, como indica o Dereito comunitario, “son actos xurídicos que se aplican  de maneira automática e uniforme en todos os países da UE” e que “son obrigatorios nos Estados membros”.

O regulamento impide a transmisión destas canles por “medios como cable, satélite, IP-TV, provedores de internet, plataformas ou aplicacións de vídeos en internet”. Nos primeiros días, as emisións tanto de RT como Sputnik foron vetados nas televisións dos países da UE e nas súas propias web, así como de Youtube, TikTok, Instagram, Twitter e Telegram, após a suspensión unilateral de “de calquera licencia ou autorización de radiodifusión, acordo de transmisión e distribución” destes medios.

É legal a decisión?

“Hai que cumprir coa medida? Si, mais na norma hai unha contradición co dereito á liberade de información”, corrobora David Soto, profesor de Dereito Procesual da Universidade da Coruña.

Aínda que todos os dereitos teñen limitacións, relata, “seméllame que a medida non está xustificada”, e engade que “dubido que a UE teña competencias para esta medida”, ao non estar transferidas as competencias sobre liberdade de prensa, “polo que son os Estados os que teñen que aprobar se limitan ou non este dereito”.

Isto abre a porta a que o Tribunal Constitucional dalgúns dos Estados tombe a norma ao estar lexislando a UE sobre algo no que non ten competencias. Así e todo, ao tratarse dun regulamento de obrigado cumprimento, analiza que a vía máis probábel é que a Xustiza ordinaria eleve unha cuestión prexudicial ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea, que tería que decidir en última instancia se a norma é axustada a dereito.

Desde Esculca, observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades, o avogado Fernando Blanco relata que “en termos de formalidade a decisión pode ser legal, mais se o analizamos desde o ordenamento xurídico da UE ou do Estado choca claramente cun dereito fundamental”.

Ao tempo, defende que “aparte de tratarnos ás sociedades como a xente sen criterio á que non se lle pode expor a determinadas informacións” ao non distinguir que é veraz, “é un claro caso de censura sobre medios de comunicacións legais”, cualificándoo como “un ataque directo e claro ao dereito á liberdade de información”.

Outra das vertentes desta situación, destaca, é que demostra que no caso de “conflito xeopolítico grave a UE pode esquecer con rapidez inmediata a súa pretendida defensa de dereitos para adoptar decisións políticas” que contradigan eses dereitos, subliñando que “botamos en falta unha posición clara do Colexio de Xornalistas e outras asociacións”.

Pola súa parte, desde o Colexio de Xornalistas da Galiza aínda non teñen fixada unha posición ao respecto, explica o seu decano, Francisco González Sarria. “Supoño que a UE traballa sobre a idea de que, desta maneira, evítanse as fake news, pero tiña que terse traballado antes para que non fora necesario o bloqueo de medios de comunicación”, sostén.

Amais, apunta que esta decisión “non acaba coa desinformación”, “tense falado moito de como evitala pero na practica non se ten feito nada”, indica, sinalando que máis que preocupados, están “expectantes de ver como evoluciona a situación”.

Porén, Sarria asume que no tocante aos medios do Estado tamén se dan estas actuacións, poñendo como exemplo o “uso de imaxes sen filtrar e confirmar, que, logo descóbrese que son atentados bomba no Líbano hai catro anos”. “Está habendo desinformación? Si, mais con independencia dos intereses editoriais de medios e dos Estados detrás deses medios”, prosegue, “parte da desinformación que hai nos medios de comunicación é por pagar mal ás e aos xornalistas”, o que impide desenvolver de modo axeitado o seu traballo.

Censura na UE

A escalada da situación bélica en Ucraína tamén levou a varios Estados comunitarios a impulsar normas para castigar con penas incluso de prisión ás cidadás e cidadáns que apoien de xeito público a intervención rusa.

En Chequia, o fiscal xeral, Igor Stříž, alertou por medio dun comunicado de que as persoas que expresen esa posición poderán ser xulgados por negar, cuestionar ou xustificar un “xenocidio”, que implica penas de até tres anos de prisión, publicaron medios checos.

Xa en Eslovaquia a cadea pública RTVS informou de que apoiar as accións de Rusia pode levar a penas de 10 a 25 anos de prisión. Asemade, en Letonia, como Chequia e Eslovaquia membro da UE e da OTAN, o medio Par drošību fixo un chamamento a que a cidadanía denuncie a veciñanza que apoie Moscova, facendo énfase en que até catro leis do país báltico prohiben apoiar e xustificar a guerra.

Ademais, Polonia quere xulgar por espionaxe (até 10 anos de prisión) ao xornalista vasco Pablo González, detido na fronteira dese país con Ucraína acusado de ser “prorruso”.

No que atinxe a Rusia, a Duma aprobou onte penar a “difusión pública de información deliberadamente falsa baixo la forma de mensaxes fidedignos que conteñan datos sobre las acciones do Exército ruso”, un delito que no caso de implicar “un grupo organizado, fabricación de probas, fins de lucro ou motivos de odios” e de provocar “consecuencias graves”, pode supor unha pena de prisión de cinco a dez anos.