A UE advirte de que a eólica mariña prexudica a pesca

Parque eólico mariño East Anglia One, no Reino Unido, operado por Iberdrola (Foto: Iberdrola).
O desenvolvemento da eólica mariña chega a Bruxelas. Un grupo de eurodeputados emitiu un informe que alerta dos efectos nocivos dos aeroxeradores sobre a fauna mariña e o consecuente impacto económico para o sector pesqueiro, e insta a protexer os caladoiros tradicionais.

A Comisión de Pesca do Parlamento europeo vén de emitir un informe no que advirte, ante o aluvión de proxectos de enerxía eólica mariña que se está a producir en todo o litoral comunitario, dos efectos negativos que estas infraestruturas provocan sobre a actividade pesqueira.

A este respecto, sinala que especialmente a costa atlántica e os pequenos caladoiros, onde faena 80% da frota europea, pode verse afectada pola instalación de novos aeroxeradores. "O despregue a grande escala de parques eólicos mariños deterioraría o funcionamento físico da conca mariña [...], ao tempo que os infrasons das pas xiratorias podería espantar os peixes e ter efectos negativos nos crustáceos e na vida mariña", expón.

Neste senso, recalca a necesidade dunha "maior investigación" sobre o impacto dos eólicos, e fai fincapé na importancia de realizar "estudos rigorosos e detallados" do impacto ambiental e económico.

Para a Eurocámara, só será posíbel un "desenvolvemento eólico mariño sostíbel" que careza de "repercusións negativas" sobre o sector pesqueiro e, pola contra, "xere beneficios e oportunidades" para os pescadores.

Insta, así mesmo, a permitir unicamente estas instalacións en "augas profundas" e afastadas dos caladoiros, e exixe unha "participación xusta" do sector pesqueiro e outros grupos de interese no desenvolvemento desta industria enerxética. Para iso, reclama actuar con antelación deseñando un plan de ordenación marítima que determine os espazos nos que non sería posíbel erguer novos aeroxeradores.

"Calquera restrición ao acceso aos caladoiros tradicionais afecta directamente os medios de subsistencia dos pescadores e os postos de traballo dependentes en terra", incide.

Segue a loita contra os 'macroélicos' en Monfero

Noutra orde, veciñanza de Paderne vén de presentar ante o Ministerio para a Transición Ecolóxica máis de 300 alegacións contra os parques eólicos Pena do Corvo, Taboada e Caaveiro, proxectados por Iberdrola en Monfero e a súa contorna. Súmanse, deste modo, aos perto de 850 documentos achegados pola plataforma Monfero Di Non.

"Este modelo que se presenta é o oposto ao que deberiamos fomentar para crear un rural máis sostíbel", advirten os veciños e veciñas de Paderne, alertadas polo feito de que as liñas de alta tensión previstas suporían "un muro de 40 metros que dividirá o concello en dúas metades, nalgúns casos a escasos metros das vivendas".

Aliás, a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) volveu lembrar nesta cuarta feira que os aeroxeradores do parque Pena do Corvo cercarían o parque natural das Fragas do Eume e algúns deles invadirían o territorio delimitado para a ampliación da Rede Natura 2000, paralizada desde 2011. "As obras desenvolveríanse sobre áreas con hábitats prioritarios que a UE considera imperativo preservar", salientou.