Denuncia Defende a Galega

A TVG obviou a noticia sobre a vacinación da alcaldesa de Boimorto, do PP

Captura de pantalla dunha información sobre vacinacións irregulares na cúpula militar do Estado español (Imaxe: CRTVG).
"U-la nova da vacinación da alcaldesa de Boimorto? Non a vimos na TVG. Será porque é do partido que está na Xunta?". Así denunciaba na noite da quinta feira o colectivo Defende a Galega o "control político" ao que está sometida a CRTVG.

Unha das noticias do día da pasada quinta feira, 28 de xaneiro, foi a vacinación da alcaldesa de Boimorto, do PP, sen que lle correspondese. Porén, a TVG non se fixo eco da nova, cando si emitiu, nos días previos, as informacións sobre inoculacións irregulares noutros puntos do Estado español. Denunciouno o colectivo Defende a Galega, que esta sexta feira celebra o 141 Venres Negro.

A rexedora, María Xesús Novo, foi vacinada cando non ten relación ningunha coa actividade médica, saltando así o plan de vacinación estabelecido polo Sergas. Fíxoo, ademais, nunha residencia de maiores en que traballa.

"Vacineime porque son persoal da residencia", xustificou a alcaldesa do PP, con dedicación exclusiva á fronte do concello de Boimorto e con ningunha formación técnica, académica nin laboral co mundo sanitario. Escudouse, ademais, en que se ela non se vacinaba, a dose "tiraríase".

A noticia viu a luz o mesmo día en que o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, apelase na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta á "ética individual" de cadaquén despois de que transcendesen casos de persoas vacinadas antes de que lle correspondese, segundo o plan marcado polas autoridades sanitarias.

O día antes, na súa comparecencia no Parlamento da Galiza, Feixoo instara a dimitir os cargos públicos españois que se vacinaran antes de tempo, mais lembrara que na Galiza ningunha persoa do PP se inoculara antes de que lle correspondese.

Vacinacións irregulares

A da alcaldesa de Boimorto non é a única vacinación irregular que transcendeu á opinión pública. Nun primeiro momento coñeceuse que até 17 persoas foran inoculadas saltando a súa quenda na área sanitaria de Pontevedra. Tratábase de persoal vinculado ao Sergas de oficinas, que non está en contacto con doentes da Covid-19.

O sindicato médico CESM asegura que non foron 17 as persoas vacinadas de maneira irregular, senón que superaron as 200. Tamén a CIG-Saúde da Mariña denunciaba que membros da Dirección do Hospital da Costa, en Burela, saltaran os protocolos para poder ser inmunizados.

Feixoo reaccionou a estas informacións asegurando que se tratara dun "pequeno erro".

Reaccións

Despois de coñecerse a irregularidade, o deputado do BNG e ex alcalde de Boimorto, Xosé Luís Rivas, rexistrou unha iniciativa parlamentar para pedir explicacións á Xunta por un feito "moi grave e inxustificábel".

Pola súa parte, o socialista Pablo Arangüena instou Feixoo a "resolver esta situación" e a xustificar por que se deu este tratamento "irregular". "Que tome medidas xa por exemplaridade e xustiza social", incidiu.

Antón Gómez Reino, de Galicia en Común, criticou que a rexedora aproveitase o seu posto "para pasar por diante da xente maior" e reclamou a súa dimisión inmediata.

Pola súa banda, desde a Consellaría de Sanidade aseguraron que están a estudar o caso e "comprobando a lista que mandou a residencia" de Boimorto ao departamentos mentres que o PP da Coruña anunciou na noite de onte que pedirá ao Comité de Dereitos e Garantías a apertura dun expediente disciplinario á alcaldesa.