Galiza, con 66 contaxios á hora, é para Feixoo "un dos lugares máis seguros de Europa"

Con 1.586 novos positivos en tan só 24 horas na Galiza -datos do Sergas deste 27 de xaneiro-, o que fai unha media de 66 contaxios á hora, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, aseverou no Parlamento que a “Galiza é un dos lugares máis seguros de Europa fronte á pandemia”, a pesar tamén de que os datos do Ministerio sinalan que a galega é a cuarta comunidade do Estado en número de contaxios, só por detrás de Madrid, Castela A Mancha e Castela e León. 

Alberto Núñez Feixoo, Ana Pontón e Gonzalo Caballero, no pleno do Parlamento galego (Foto: Arxina)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, Ana Pontón e Gonzalo Caballero, no pleno do Parlamento galego (Foto: Arxina)

Núñez Feixoo interviu no Hórreo para informar sobre a pandemia, as restricións e a vacinación nunha comparecencia solicitada polo Bloque Nacionalista Galego. A líder desta formación e xefa da oposición na Galiza, Ana Pontón, respondeu ao mandatario instándoo a non se comparar “cos peores” e a solicitar ao Goberno español un confinamento da poboación galega de dúas semanas para frear os contaxios e a presión hospitalaria e en unidades UCI, alertando de que a expansión do virus “está descontrolada”.

“En só 25 días, 14.530 galegas e galegos infectaron co virus; en só 25 días, 243 persoas faleceron pola Covid-19 neste país”, salientou Pontón ante a crítica de Feixoo á nacionalista por solicitar o confinamento "desde a comodidade do escano". A portavoz do Bloque retrucou afirmando ser consciente de que o confinamento é "unha medida moi difícil que non propón á lixeira", e instouno a explicar "por que non  pide ao Goberno estatal un confinamento cando case triplicamos o nivel de risco extremo e por que na primeira onda estivemos tres meses fechados e hoxe non se pode confinar dúas semanas para salvar vidas cando os datos son similares”.

Para Pontón, Feixoo segue a pór a economía por riba da saúde, como fixo na “nefasta” estratexia de “salvar o Nadal”, que terminou cunha terceira onda "convertida nun tsunami".

A nacionalista tamén demandou reorientar os orzamentos para reforzar a sanidade pública, trasladou a disposición do Bloque a contribuír desde os concellos e deputacións a nutrir un plan de rescate entre as tres administracións aos sectores afectados pola pandemia e reclamou consensuar "unha proposta de país para conseguir un trato xusto e a xestión directa dos fondos europeos de recuperación".

Medallas

Ao igual que Pontón, o  secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, alertou de que a Galiza está "nunha situación extrema", cunha "crecente" presión asistencial e as UCI "en números máximos de ocupación", e remarcou que os socialistas teñen "a man tendida" para que se adopten as medidas precisas, que "respecta" as restricións cando son necesarias, pero tamén afeou Feixoo pola súa "estratexia de salvar o Nadal”.

Ademais, Caballero botou en cara o escaso tempo co que o Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou as últimas restricións -apenas dúas horas antes da súa entrada en vigor- e insistiu en que estas medidas se podían tomar "hai 20 días". 

O socialista acusou Feixoo de “colocarse medallas cando as cousas van ben" e pór o foco na actuación doutras administracións, sobre todo do Goberno español, botando balóns fóra,  cando as cousas non van ben. 

E o certo é que Feixoo cargou contra o Goberno estatal por “nin gobernar nin deixar gobernar” ás comunidades ao priorizar "criterios políticos de curto alcance", dixo en referencia ás eleccións catalás do 14-F e á negativa de permitir ás autonomías adiantar o recoller obrigatorio. Feixoo insinuou que se o Goberno español non tomou medidas ao inicio da pandemia foi por celebrar o 8-M e que agora non deixa adiantar o recoller porque "hai que realizar custe o que custe as eleccións". 

Regular a obrigatoriedade da máscara FPP2

O titular da Xunta avanzou que na reunión que esta sexta feira manterá con Pedro Sánchez exixirá que se flexibilice adiantar o toque de recoller e que o Estado se dote dun instrumento lexislativo para xestionar a pandemia "a longo prazo".

Pedirá o impulso dun consenso estatal sobre teletraballo e que se faga "obrigatorio" o uso das máscaras FFP2 en determinadas situacións, como podería ser no transporte público. Así mesmo, demanda que o Goberno español se implique na axuda a sectores máis afectados e o reparto transparente dos fondos de recuperación.

A Xunta pide recibir 8,2% de vacinas para maiores de 80

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, ratificou que na sexta feira abordará co seu homólogo estatal, Pedro Sánchez, a necesidade de dispor dun calendario de vacinación definido "de principio a fin", coa proposta de que a repartición que faga o Estado garanta que as vacinas cheguen de forma homoxénea aos distintos grupos de poboación que se fixen.

"A subministración, en consecuencia, deberá facerse en porcentaxe equivalente a esa poboación diana", sentenciou, e puxo como exemplo que, se o próximo grupo prioritario van ser as e os maiores de 80 anos, e a Galiza ten 8,2% da poboación correspondente a este grupo de idade, deberá recibir 8,2% das vacinas.

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, afeou que Feixoo sementase "dúbidas" sobre o plan de vacinación e instouno a recoñecer o papel do Executivo estatal á hora de conseguir doses para o país; mentres que a portavoz do BNG, Ana Pontón, foi moi crítica co feito de que a Xunta non teña presentado o plan de vacinación para o conxunto da poboación.

As consecuencias da sanidade telemática

O Parlamento aprobou por unanimidade unha proposta do BNG que insta a Cámara a realizar un estudo que determine o aumento do nivel de mortalidade e morbilidade desde o inicio da pandemia e a tomar todas as medidas precisas que garantan a atención sanitaria de todas as patoloxías á poboación.

A deputada nacionalista Iria Carreira explicou que desde a chegada da pandemia o Sergas estabeleceu que a relación da poboación cos centros de saúde pasara a ser fundamentalmente telefónica, reducindo a atención presencial sen  "implementar medidas, medios e persoal". As consecuencias para Carreira son "desastrosas": escasos profesionais, que están ao límite, listas de espera de semanas, doentes crónicos descompensados ou diagnósticos tardíos de patoloxías en estadios altos.

Comentarios