A Xunta vacina contra a Covid-19 a unha alcaldesa do PP á que non lle correspondía nesta quenda

Imaxe de arquivo de María Xosé Novo, a dereita, coa conselleira Fabiola García nunha visita ao centro de día da localidade. (Foto: Xunta da Galiza)
A rexedora de Boimorto, a popular María Xesús Novo, explicou a elDiario.es que intentou resistirse a recibir a dose pero que a aproveitou porque lle dixeron que "se non habería que tirala". O BNG xa pediu explicacións por este feito "moi grave e inxustificábel" e a oposición en conxunto pide a dimisión.

O medio de comunicación elDiario.es revelou hoxe que unha alcaldesa do PP, en concreto a de Boimorto, foi vacinada na campaña actual contra o coronavirus do Sergas (destinada a persoal sanitario) malia non ter relación coa actividade médica.

A Xunta incorporou á rexedora María Xesús Novo na lista de vacinación prioritaria e esta explicou que se vacinou na residencia de maiores da localidade porque é onde traballa.

“Vacineime porque son persoal da residencia” alegou novo en declaracións ao medio que tivo a exclusiva.

No entanto, no texto especifícase que a súa testemuña non se axusta á realidade porque “a alcaldesa ten dedicación exclusiva no Concello e ningunha formación que a vincule co mundo da medicina e os coidados”.

Así, a teoría da popular é que como rexedora do Consistorio é “xefe de persoal” da residencia e ten unha relación laboral porque vai “todos os días por alí”, o que xustificaría o seu dereito á vacina.

A alcaldesa defende, ademais, que “non” quería recibir o fármaco malia estar no listado. Mais finalmente non renunciou a ir nesta quenda do medicamento: “Dixéronme que, se non a puña eu, habería que tirala”.

Curiosamente hoxe o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, solicitou á xente que estea nas listaxes por erro renuncie á dose. Así chamou á ética individual de cada quen despois de que foran transcendendo casos de persoas tratadas antes de que fora a súa quenda. Dos cargos políticos (no seu momento de fóra da Galiza), o líder do Partido Popular destacou que debían “dimitir”.

Exixen a dimisión

Despois de coñecerse o trato prioritario á política de Boimorto, o deputado do BNG, Xosé Luís Rivas, rexistrou unha iniciativa parlamentar para pedir explicacións á Xunta por un feito "moi grave e inxustificábel".

Pola súa parte, o socialista Pablo Arangüena comentou que Feixoo debe "resolver esta situación" e xustificar por que se deu este tratamento "irregular". "Que tome medidas xa por exemplaridade e xustiza social", incidiu.

Mesmo Antón Gómez Reino, de Galicia en Común, criticou que a rexedora aproveitara o seu posto "para pasar por diante da xente maior". Así pediron a dimisión inmediata.

Pola súa banda, desde a Consellaría de Sanidade aseguraron que están a estudar o caso e "comprobando a lista que mandou a residencia" de Boimorto ao departamentos.