Xustiza

O TSXG mantén o pulso co Supremo e eleva a disputa sobre os informes sectoriais dos eólicos a Europa

Sede do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, en Luxemburgo. (Foto: Nós Diario)
O alto tribunal galego expón unha tripla cuestión prexudicial ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) para que determine se a Xunta debeu pór ao dispor do público interesado, e non só dos promotores, os informes sectoriais sobre os proxectos eólicos en trámite.

Un día despois de decretar a suspensión cautelar de trece parques eólicos por causas alleas á exposición ao público dos informes sectoriais e os prazos para presentar alegacións, adaptándose á doutrina fixada polo Tribunal Supremo en decembro en relación co parque de Corme, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza informa esta cuarta feira de que elevará a primeira cuestión á Xustiza europea. O alto tribunal galego expón unha tripla cuestión prexudicial ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) para que determine se a Xunta debeu pór ao dispor do público interesado, e non só dos promotores, os informes sectoriais sobre os proxectos eólicos en trámite para que puidese, no seu caso, formular alegacións e participar no proceso de toma de decisións sobre as autorizacións dos mesmos antes de que se aprobasen.

Os maxistrados da sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG parten na súa exposición de motivos do caso do parque eólico A Ruña III, promovido por Eurus Renovables en Mazaricos (Xallas), que foi aprobado pola Xunta da Galiza en xuño de 2022 e a citada autorización administrativa, suspendida posteriormente pola Xustiza galega, que estimou un recurso da asociación Petón do Lobo esgrimindo, precisamente, que —igual que noutros casos nos que o TSXG se pronunciara na mesma liña—, non se ofrecera un trámite de audiencia ás persoas e colectivos interesados tras a emisión dos informes sectoriais.

Unha decisión, porén, corrixida polo Supremo. E agora os maxistrados galegos, por mor das dúbidas existentes sobre a interpretación do Dereito comunitario, acordan suspender o litixio até coñecer o pronunciamento do TXUE, o que podería demorarse perto dun ano e medio —a duración media dos procedementos xudiciais foi en 2022 de 16,4 meses—.

A Sala expón ás autoridades xudiciais europeas unha tripla cuestión prexudicial. En primeiro lugar, pídelle aclarar o significado da expresión de "principais informes e ditames" que deben someterse a información pública "dentro duns prazos razoábeis" aos que se refire o artigo 6.3 da Directiva 2011/92/UE. Tamén que determine se os informes aos que alude a Lei española de avaliación ambiental de 2013 son os mesmos que os recollidos na Directiva comunitaria e, finalmente, que se pronuncie sobre se tanto a lexislación galega como a estatal poden estar a oporse á exixencia da UE de "garantir que se poñan ao dispor do público interesado os principais informes sectoriais emitidos" para poder presentar alegacións "dentro dun prazo non inferior a 30 días".

O TSXG, como xa demostrou en anteriores sentenzas, extrae da normativa comunitaria que a Administración debería "trasladar os principais informes sectoriais aos interesados —que non é só o promotor do parque— para que poidan formular alegacións antes da toma de decisións", e que os Estados membro "teñen que garantir" este dereito. Así, entende que é posíbel que tanto a Xunta como o Goberno español non traspuxesen "adecuadamente" o exixido pola Directiva da UE.

Os informes sectoriais emitidos polos organismos competentes recollen importante información, entre outras cuestións, en materia forestal, de augas, de patrimonio natural e cultural, de turismo, de saúde, de enerxía eléctrica e de seguridade aérea.