Xustiza

O TSXG paraliza trece parques eólicos polo seu impacto sobre o medio ambiente

Parque eólico de Montouto, situado entre os municipios de Abadín e Muras (A Terra Chá), composto por 31 aeroxeradores. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Adapta os seus criterios á resolución do alto tribunal, o que implica descartar a aparencia de bo dereito respecto aos prazos de exposición pública e de acceso aos informes sectoriais como motivo para paralizar as instalacións. Máis de 300 megawatts eólicos fican en suspenso de forma cautelar ao apreciar o TSXG posíbeis afeccións á contorna amparándose nos informes sobre hábitats e as zonas vetadas ás infraestruturas eólicas por parte do Goberno estatal.

A incerteza aínda paira sobre as decenas de proxectos eólicos que fican no ar por mor da súa xudicialización. A sentenza do Tribunal Supremo de decembro de 2023 —acompañada dunha segunda a comezos do pasado febreiro— que estimaba o recurso da Xunta da Galiza, a patronal eólica e EDP Renovables contra un auto previo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza que anulaba a autorización concedida para o repotenciamento do parque de Corme parecía achaiar o camiño aos centos de megawatts paralizados nos tribunais. E así o celebraban desde o propio sector, gabándose dun sistema "absolutamente garantista e legalista" e confiando en que a doutrina fixada polo Supremo desbloquease os expedientes paralizados.

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG adaptou os seus criterios no relativo á adopción de medidas cautelares ao decretado na sentenza do alto tribunal español e esta terza feira ofreceu un balance dos 16 veredictos emitidos desde entón, que, porén, non van nesa liña de facilitar a aprobación dos parques pendentes de execución: tres rexeitan a suspensión cautelar e a gran maioría, 13, apostan igualmente pola adopción de cautelares, medida á que se recorre, lembran os maxistrados, cando "a tardanza en ditar un pronunciamento sobre a cuestión de fondo poida facer inoperante o decidido". E se ben a sentenza do Supremo contra o posicionamento do tribunal galego botaba por terra a redución dos prazos para someter o proxecto a información pública —e abrir así a porta a posíbeis alegacións— e a demora na presentación dos informes sectoriais como argumentos para aplicar medidas cautelares, o TSXG salienta que existen outros aspectos que poden xustificar tal decisión, unha cuestión da que xa informara Nós Diario.

 E, neste senso, salientan a concorrencia —ou non— do periculum in mora, que se refire ao risco de que unha hipotética sentenza contraria á autorización do parque eólico non poida executarse ou emendar o dano ocasionado por estar xa construído —se non houber paralización cautelar—. O impacto irreversíbel que poderían ter os aeroxeradores e outras infraestruturas asociadas sobre a contorna é o principal argumento que esgrimen os xuíces dunha sala na que se atopa o ex líder de En Marea Luís Villares. "É necesario ter en conta que non abonda con facer unha referencia xenérica a danos posíbeis, senón que se deben singularizar e acreditar; isto é, débese pasar da abstracción á concreción", precisan.

A Sala tamén valorou, como requisito complementario ao periculum in mora, a "ponderación dos intereses en conflito —particulares, xerais e de terceiros— en cada caso concreto". E na ponderación deses intereses contrapostos, nomeadamente público e privado, o alto tribunal galego entende que debe prevalecer "o que resulte máis digno de protección", destacando a prevalencia dos principios de cautela, prevención e precaución en materia ambiental, así como a preponderancia que teñen sobre a captación e transporte de enerxía eléctrica, "salvo que se acredite o interese xeral que para o sistema eléctrico teña a execución e funcionamento do parque eólico analizado en cada caso en concreto".

Á hora de apreciar a concorrencia do principio da perda da finalidade lexítima do recurso, o tribunal analiza "información obxectiva" proveniente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que delimitou unha serie de áreas "non recomendadas" para a instalación de infraestruturas de aproveitamento eólico, así como informes sobre hábitats prioritarios e de interese comunitario cuxa conservación colidiría cos parques eólicos paralizados.

Máis de 300 MW eólicos fican en suspenso

Os trece parques eólicos para os que o TSXG estimou a adopción de medidas cautelares sumarían, no caso de saír finalmente adiante, unha potencia total instalada de 334,6 megawatts (MW) nunha vintena de concellos situados en trece comarcas diferentes do país. Green Capital Power é a compañía enerxética máis afectada por estas suspensións cautelares, con tres parques no albo que alcanzan en suma os 81,1 MW: Zamorra, en Agolada (Deza); Rodeira, en Lalín e Vila de Cruces (Deza), e Reboiro, en Baralla (Os Ancares), Castroverde e O Corgo (comarca de Lugo).

Tamén Greenalia ve paralizados tres expedientes, cun total de 71,8 MW: Toruiñán III-2, na Estrada (Terra de Montes), Cuntis (Caldas) e Campo Lameiro (Pontevedra); Felga, en Aranga, Coirós e Oza-Cesuras (As Mariñas), e O Cerqueiral, en Cabana de Bergantiños, Coristanco (Bergantiños) e Santa Comba (Xallas).

Outros dous parques de Enel Green Power están en suspenso actualmente, os denominados Chao do Marco, en Becerreá, e Monte Neme, en Malpica de Bergantiños e Carballo, cun total de 66 MW, así como outros tantos de Naturgy: As Encrobas, en Cerceda, Carral e Ordes (comarcas da Coruña e Ordes), e Monte Peón, na Lama (Pontevedra), cunha suma de 32,6 MW.

Tamén outro de Fergo Galicia Vento, o proxecto Figueiras (22,5 MW), nos concellos mariñaos de Alfoz, Mondoñedo e O Valadouro; un de Aerogeneración de Galicia, Pico Seco (27 MW), en Lalín e O Irixo (comarca do Carballiño), e mais outro de Pena da Costa Eólica, Serra do Faro (33,6 MW), en Rodeiro, Dozón, San Cristovo de Cea e Piñor (O Carballiño).

Pola contra, os maxistrados desbotaron aplicar a suspensión cautelar aos proxectos Vilartoxo (27 MW), de Green Capital, na Baña (A Barcala) e Val do Dubra (Compostela), e Neboada (25,2 MW), de Maia Directorship, na Rúa, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, Vilamartín, Quiroga e Ribas de Sil (comarcas de Trives, Valdeorras e Quiroga). No caso do Cerqueiral, porén, hai dúas sentenzas opostas: unha na que desestiman un recurso demandando as cautelares a Ecoloxistas en Acción e outra na que si llo aceptan a Adega.