Transición enerxética: menos consumo e máis renovábeis

Varios cabalos pacen na contorna do parque eólico de Tronceda, na serra do Xistral. (Foto: Europa Press)
Reducir o consumo de enerxía, a dependencia da enerxía fósil e as emisións de gases causantes de cambio climático é un dos piares da transición enerxética que urxe unha neutralidade climática imposíbel sen un maior desenvolvemento das enerxías renovábeis.

A emisión de gases causantes de cambio climático superaron na Galiza os 18,6 millóns de toneladas en 2020, un 36% menos que en 1990, ano de referencia en materia de políticas climáticas. Son só dúas das cifras que figuran no informe As emisións de gases de invernadoiro en Galicia (1990-2020) que vén de presentar o Observatorio Galego da Acción Climática (Ogacli) a partir dos datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica.

O documento evidencia unha redución considerábel destas emisións aínda insuficiente, sinala a Nós Diario o ecoloxista e biólogo Xosé Veiras, promotor do observatorio.

Na Galiza aínda somos moi dependentes da enerxía fósil, que supón 70% de todas as emisións de gases causantes de cambio climático

Segundo explica, esta mingua na emisión de gases contaminantes atende a dous factores principais. Un estrutural e outro conxuntural. Dunha parte é consecuencia "da desfosilización parcial do sector enerxético debido á substitución da electricidade do carbón por enerxías renovábeis, fundamentalmente, sobre todo eólica", un proceso que se viu acelerado a partir de 2019. O colapso do carbón introduciu unha gran mudanza no sector eléctrico, di, "que pasou de xerar entre 30 e 40% da electricidade total a menos de 5% dun ano para outro, por causa da suba do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións". Doutra, é resultado do decrecemento económico provocado pola pandemia da Covid, que supuxo unha redución moi importante das emisións en termos interanuais.

Esta conxuntura non vai provocar unha baixada permanente das emisións. "Polo que estamos vendo, volverán aumentar". O que é seguro, defende Veiras, é que non vai haber unha volta atrás ao carbón.

Adeus ao carbón

"A crise enerxética desatada a raíz da guerra en Ucraína motivou algunhas decisións que apuntan un regreso ao carbón, pero é moi limitado. Un número reducido de países (Francia, Alemaña, Países Baixos) anunciaron un regreso restrinxido e de forma temporal á función eléctrica con carbón. Mais no Estado español e en Portugal non hai decisións neste sentido".

A electricidade representa só un 25% da enerxía final que consumimos

Sobre a continuidade da térmica das Pontes, aclara, o mantemento en standby de un dos catro grupos da central para atender picos de demanda en caso de prezos moi elevados ou problemas de subministración co gas fósil, "non representaría unha volta ao carbón nin moito menos". E ilustra con cifras esta continuidade. "Até 2019 a Galiza tiña 2.000 megawatt de potencia eléctrica con carbón que cada ano producían uns 10.000 xigawatt/hora, responsábeis dun terzo das emisións de gases de efecto invernadoiro do país. Con Meirama fechada e tres ou catro grupos das Pontes desactivados, dous deles xa desmantelados, o máis que se podería xerar serían uns centos de xigawatt/hora cada ano".

Xosé Veiras sinala a necesidade de avaliar a realidade enerxética da Galiza no seu conxunto. "A tendencia é a repararmos só na electricidade, un 25% da enerxía final que consumimos". Así, se consideramos tanto a enerxía primaria como a enerxía final, en forma de combustíbel, electricidade ou calor, "na Galiza aínda somos moi dependentes da enerxía fósil, que supón 70% de todas as emisións de gases causantes de cambio climático".

No caso da enerxía primaria Veiras sinala unha dependencia de 80%, en boa medida debido á actividade da industria enerxética fósil asentada en territorio galego, que ten como destino tanto o mercado interno como a exportación de produtos petrolíferos, electricidade e agrocombustíbeis.

Desde unha posición ecoloxista, o experto en sustentabilidade urxe reducir as emisións. "Habería que chegar a 2040 con cifras moi inferiores ás actuais, nun 90% nese horizonte e nun 65% en dez anos". E iso, di, pasa pola desfosilización do sector enerxético, por reducir o consumo de enerxía e por basealo só en fontes renovábeis.

Pulo ás renovábeis pero protexendo o territorio

A porcentaxe de renovábeis sobre o consumo de enerxía final é de 45%. "De aquí a 2040 habería que chegar ao 100%. E o mesmo no caso da electricidade procedente de fontes renovábeis: representa 74% do total xerado e habería que alcanzar 100%, un obxectivo que comparten Austria e Portugal para 2030, ao que a Galiza tamén podería aspirar".

Unha transición enerxética rápida só será sustentábel se se avanza ao mesmo tempo na redución drástica do consumo de enerxía e no desenvolvemento das renovábeis

En termos de ambición climática as cifras actuais non son para se conformar, insiste Veiras. "Este 74% non é suficiente. É moi probábel que este ano nin sequera se acade esta cota xa que está a baixar a produción hidroeléctrica por mor da seca". Neste sentido, avoga por unha transición enerxética rápida, "que só será sustentábel se se avanza ao mesmo tempo na redución drástica do consumo de enerxía, cunha caída de 50% nas próximas décadas, e no desenvolvemento das renovábeis".

Non será doado, advirte, nin rebaixar o consumo nin facer fronte aos aspectos máis negativos das enerxías renovábeis. "Hai razóns para problematizalas tendo en conta as políticas que se están a despregar, pero pódese facer mellor", asegura. Habería que ampliar as zonas de exclusión por razóns ambientais, ampliar o protagonismo do sector público mais das comunidades enerxéticas "e habería que apostar polo autoconsumo a sabendas de que non abondaría", enumera.

A Xunta vén de asumir o obxectivo europeo de reducir as emisións 55% tras superar xa en 2019 a marca prevista nesa altura, inferior a 25%. Mais de momento, "non se sabe cal será a folla de ruta".