A crise do gas obriga Alemaña a non pechar as súas tres últimas centrais nucleares

Supoñen 6% da produción eléctrica do país.
Imaxe de arquivo dunha central nuclear. (Foto: Europa Press)
photo_camera Imaxe de arquivo dunha central nuclear. (Foto: Europa Press)

Alemaña manterá abertas polo de agora as súas tres últimas centrais nucleares en funcionamento, segundo desvelou en exclusiva o xornal estadounidense Wall Street Journal, ante as consecuencias da crise do gas que afecta notabelmente o país do centro de Europa.

En concreto, as centrais de Isar 2, en Baviera; Neckar Westheim, en Baden-Wurttemberg; e Emsland, na Baixa Saxonia, seguirán producindo enerxía máis alá do 31 de decembro, cando estaba previsto o seu peche definitivo.

Segundo cita o Wall Street Journal, a decisión de manter abertas estas instalacións é oficial a falta de que Olaf Scholz asine a documentación necesaria e sexa votada no Parlamento alemán.

De confirmarse esta medida, suporía un cambio na política nuclear de Alemaña nos últimos 20 anos, centrada na paulatina eliminación das infraestruturas destinadas a producir enerxía nuclear.

6% da produción eléctrica

Estas tres centrais nucleares supoñen 6% da produción de electricidade en Alemaña. Aínda que o maior peso segue a recaer no gas natural, Berlín defende que estender a vida dos reactores permitirá destinar os recursos previstos para substituír a enerxía nuclear a partir de 2023 noutros ámbitos de maior necesidade.

Agora, o Executivo alemán deberá superar algúns obstáculos antes de poder aprobar esta medida. En primeiro lugar, a reticencia do partido dos Verdes, principal impulsor xunto cos socialdemócratas da eliminación da enerxía nuclear, de prolongar o funcionamento das centrais.

Porén, o dirixente da formación ecoloxista en Baviera, Ludwig Hartmann, matizou que o partido si podería chegar a apoiar a medida se se tratase duns "poucos meses".

Aliás, o Goberno de Alemaña podería verse obrigado a ter que emendar algunhas leis e renovar todos os seguros e certificados sobre o tratamento e eliminación de residuos nucleares, xa que expiran a finais de 2022.

Comentarios