O BNG mobilízase mañá en Compostela contra a carestía da vida

A suba dos prezos triplicou a dos salarios en 2021

A suba dos carburantes, na base do incremento da inflación. (Foto: Europa Press).
A suba dos prezos está a pór contra as cordas a economía de moitas familias galegas. Neste sentido, a alza do Índice de Prezos do Consumo (IPC) rexistrada o pasado ano  triplica aos incrementos salariais acordados nos convenios laborais. A perda do poder adquisitivo non dá tregua ás rendas máis baixas.

Os prezos rexistraron en febreiro unha suba interanual de 9,8%. A súa alza estivo motivada por un ascenso xeneralizado na práctica totalidade de compoñentes analizados para determinar o Índice de Prezos do Consumo (IPC), significándose entre eles o incremento do custo da electricidade e dos combustíbeis.

A situación está chamada a empeorar. A este respecto, o indicador adiantado do IPC avanzado polo Instituto Nacional de Estatística estima unha suba histórica no vindeiro mes para o conxunto do Estado. Porén, na Galiza agárdase unha alza máis elevada dos prezos, na liña do acontecido nos últimos meses, onde a inflación está sempre por diante dos dados estatais

A inflación real multiplica practicamente por sete as estimacións recollidas nos orzamentos xerais do Estado de 2021. As contas públicas aprobadas polo Congreso dos Deputados en decembro de 2020 van estimar unha suba do IPC de 0,9%, cifra claramente superada ao longo deste e ano e cuxo impacto vai ser máis gravoso naqueles territorios onde a desviación dos prezos sexa maior á da media estatal.

Malia o efecto das cláusulas de revisión recollidas nos acordos de pensións e nos convenios para mitigar os desaxustes da inflación prevista, as consecuencias destes desfases déixanse notar máis alá das variábeis macroeconómicas.

A suba dos prezos

A suba dos prezos afecta de xeito evidente á perda do poder adquisitivo. Segundo os dados do Ministerio de Traballo e Economía Social, a 31 de xullo estaban asinados na Galiza 137 convenios colectivos que daban cobertura a 140.571 traballadores, cunha suba salarial pactada de 1,82%, practicamente a metade da suba dos prezos.

Pola súa banda, os convenios vixentes negociados en 2019 recollían un alza media das retribucións de 2,08% e os acordados en 2020 de 1,81%, sendo, tamén, nestes casos importante a diferenza con relación a inflación. A falla de cuantificar o impacto da suba dos prezos na economía dos traballadores por conta propia, resulta clara a imposibilidade de repercutir o aumento dos custos de xeito total aos seus clientes.

A caída do poder de compra vense manifestando de xeito claro desde o comezo da pandemia. Segundo un estudo do Instituto Galego de Estatística(IGE), os salarios reducíronse na Galiza en 2020 en 4,3%, certificando unha baixada só superada en toda a serie histórica en 2012, cando asinaron unha contracción de 6,5%. Asemade, esta caída superou a media da Unión Europea (UE), declarando só Italia, cunha redución de 7% uns números peores que Galiza.

Manifestación

As protestas contra o aumento dos prezos e a perda do poder adquisitivo marcan a axenda política na Galiza. Após as protestas das semanas pasadas de transportistas, mariñeiros ou labregos, o BNG mobilizase mañá, domingo 3 de abril en Santiago de Compostela para protestas pola carestía da vida e demandar solucións á mesma. A marcha vai partir ás 12:00 horas da Porta do Camiño da Capital da Galiza e rematará na praza da Quintana coa intervención da súa voceira nacional, Ana Pontón