Novos paros de transportistas na Galiza a pesar do anuncio dun acordo por parte do Goberno español

"Hai medidas de interese, pero cuestións como a fixación de descontos de gasóleo suscitan dúbidas, non están ben concretadas", recoñeceu o presidente da Asociación Coruñesa de Empresarios do Transporte (Ascentra), Antonio Señarís.
Camioneiros que secundan o paro, dirixíndose ao centro da Coruña. (M. Dylan/Europa Press)
photo_camera Camioneiros que secundan o paro, dirixíndose ao centro da Coruña. (M. Dylan/Europa Press)

O acordo do Goberno español cos representantes maioritarios do transporte non evitou que novamente se producisen paros dos transportistas, como vén sendo habitual desde o pasado 14 de marzo, e camións e tractores volveron entrar nalgunhas das principais cidades galegas.

Aínda que o día de hoxe comezou como unha xornada  algo máis tranquila, após o anuncio da ministra de Transportes, Raquel Sánchez, do paquete de medidas acordado co Comité Nacional de Transporte por Estrada, rexistráronse algunhas accións de protesta.

Así, na Coruña, os transportistas manteñen os piquetes diante de instalacións como o porto herculino, precisamente á espera de que as asembleas decidan se continúan ou non cos paros. Este sábado, ás 11 horas, haberá un encontro da Asociación Coruñesa de Empresarios do Transporte (Ascentra), cuxo presidente, Antonio Señarís, explicou que aínda están por coñecer máis detalles do que ofrece o Executivo español.

"Hai medidas de interese, pero cuestións como a fixación de descontos de gasóleo suscitan dúbidas, non están ben concretadas", recoñeceu. Por iso, Ascentra agardará polas explicacións da Federación Nacional de Asociaciones de Transportistas de España (Fenadismer), que forma parte da mesa estabelecida entre o Goberno español e o sector do transporte.

A proposta non convence

Pola súa banda, Robustiano Camarero, transportista autónomo que participa nos piquetes na Coruña, admitiu que non lle convence a proposta formulada. "Non vou mover o camión por 600 euros ao mes", di sobre o que lle quedaría cos descontos propostos. Ademais, volveu pedir ao Executivo estatal que escoite os transportistas autonomos que reclaman outras demandas a maiores do prezo do combustíbel.

Mentres, o presidente da Asociación de Empresarios do Transporte Río Miño (Aetram), Diego Arias, asegurou que a folga "mantense", xa que ten que ser a Plataforma en Defensa do Transporte, a convocante, a que tamén poña fin ás protestas.

Arias asegurou que as medidas postas en marcha "son moi curtas" e "non deixan claro como vai ser o sistema". Sobre a rebaixa, denuncia que lles subiron 70 céntimos. “Ademais, segundo recolle o acordo, é ata o 30 de xuño, só son tres ou catro meses e despois, que facemos? volvemos a parar?".

Insistiu en que "non foi a patronal" quen convocou o paro, e subliñou que "os transportistas autónomos son 85%". "Nós somos os que facemos o transporte e estamos todos os días na estrada", sentenciou.

Comentarios