Xuízo do Alvia

Estas son as chaves da recta final do xuízo polo accidente do Alvia, que comeza esta semana

Entrada aos xulgados nos que decorre o xuíxo do Alvia na Cidade da Cultura en Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
No banco dos acusados sentan dous homes: o maquinista Francisco Garzón -traballador de Renfe- e o ex director de seguridade de Adif -o administrador ferroviario- Andrés Cortabitarte.

Cando falta pouco máis dun mes para que se cumpra unha década da traxedia do Alvia en Angrois, Compostela, o xuízo para determinar responsabilidades penais e resolver sobre as indemnizacións encara a súa recta final, a partir desta terza feira 20 de xuño e, en principio, até o próximo 27 de xullo. O 24 de xullo de 2013 un tren Alvia descarrilou na liña de alta velocidade entre Ourense e Santiago. Ocorreu a poucos metros da curva da Grandeira, na véspera do Día da Patria, xunto ao barrio compostelán de Angrois, onde 80 persoas perderon a vida e 145 resultaron feridas.

Pasaron case 10 anos até que as vítimas e os seus familiares puideron relatar os danos sufridos en sede xudicial, onde buscan a reparación non só en termos económicos, senón tamén -con máis énfase en boa parte dos casos- cunha sentenza que ditamine sobre o sucedido.

No banco dos acusados sentan dous homes: o maquinista Francisco Garzón -traballador de Renfe- e o ex director de seguridade de Adif -o administrador ferroviario- Andrés Cortabitarte. Dúas empresas públicas cuxos representantes legais (Avogacía do Estado só defende a Adif) e tamén as súas respectivas aseguradoras (QBE e Allianz) manteñen un duro enfrontamento nas dúas vertentes do xuízo.

A Garzón e a Cortabitarte atribúenselles 80 delitos de homicidio e 145 de lesións por imprudencia profesional grave. A titular do xulgado do penal número 2 de Santiago, Elena Fernández Currás, está vinculada polas acusacións, que exercen tanto o representante do Ministerio Fiscal, Mario Piñeiro -que é fiscal xefe da área compostelá-, como as acusacións populares -as dúas asociacións de vítimas: plataforma e Apafas- e a representación de afectados a título particular.

O fiscal e tamén a plataforma de vítimas solicitan catro anos de cárcere para cada un, en relación coa condución do maquinista e coa análise de riscos ao que estaba obrigado o no seu momento director de seguridade de Adif. Ademais, tamén se lles imputa un delito de danos.

A maior parte das vítimas consideran "máis responsábel" a Cortabitarte que a Garzón, pero só algunhas como a ex deputada do PP Teresa Gómez Limón materializou esa distinción no seu escrito de acusación: pedindo catro anos para o ex director de seguridade de Adif e dous para o maquinista.

A vinculación a estas acusacións, o denominado principio acusatorio, é o que explica que a xuíza non poida introducir cuestións novas, pois habería vulneración do mesmo.

A iso referiuse de forma máis ou menos explícita nalgunha ocasión ante as interpelacións das vítimas, do mesmo modo que respondeu, por exemplo, ao pai dun mozo falecido nas vías que trasladou que ansían unha condena "exemplar" para que non haxa quen volva a "asinar en barbeito".

Fernández Currás chegou a asegurar que a súa "intención" e até o seu "desexo" é que haxa unha sentenza ao final do xuízo que satisfaga aos prexudicados por este sinistro ferroviario.

Con todo, a maxistrada non poderá entrar en cuestións coma se existía ou non dolo eventual no comportamento do ex director de seguridade de Adif, como perciben as vítimas, ou no ataque contra o dereito dos traballadores que sufriu o maquinista, como alega o seu avogado.

O que si podería facer, segundo explican expertos, é remitir oficio á Fiscalía se considera que hai outra ou outras persoas que teñen responsabilidades penais. "Isto non ocorre todos os días pero si pode pasar, e o momento apropiado sería ao final do proceso", expoñen estas fontes.

A sentenza

A previsión é que o xuízo polo sinistro do Alvia conclúa o próximo 27 de xullo, unha vez pasado o décimo aniversario, cando as vítimas renden homenaxe aos falecidos na curva e levan as súas reivindicacións ás rúas da capital galega. Por iso, a sentenza estará como pronto no outono, despois dun mes de agosto que é inhábil para a xustiza. O que tarde depende de cada xuíz.