A nai de dúas nenas que viaxaban no Alvia que se accidentou o 24 de xullo de 2013 na curva de Angrois, en Santiago de Compostela, recriminou esta cuarta feira que ese tren fose "vendido como seguro" pero a única "medida que había era ver un chalé e frear".
Así se referiu ás declaracións de maquinistas, incluído o procesado no xuízo, que aseguraron que tomaban referencias visuais na propia paisaxe ante a ausencia de sinais que advertisen da proximidade da curva onde descarrilou o ferrocarril cun exceso de velocidade, o que provocou 80 mortes e 140 persoas feridas.
"Vendíase como seguro, cómodo e coas tecnoloxías máis avanzadas. A realidade era distinta", advertiu onte durante o xuízo a nai de dúas menores que resultaron feridas no sinistro ferroviario de 2013.
Investigadores privados
Xusto ao comezo da sesión, durante a quenda dunha moza que relataba as secuelas que lle ocasionou a traxedia, a xuíza chamou a atención ao avogado de Allianz –aseguradora de Adif– por preguntar cuestións que "non constan na causa".
En concreto, o letrado preguntou á vítima por unha viaxe a Venecia, da que a propia testemuña recalcou que tivo que volver en barco, polos seus "medos" e as "suores" que afronta desde aquel día cada vez que colle un tren ou un avión.
"Está nas redes sociais", respondeu o representante da aseguradora de Adif, ao que a xuíza replicou que se cinguise ao que consta na causa.
Nunha xornada na que se agruparon declaracións previstas para a quinta feira (día no que finalmente non haberá sesión), o último en declarar foi o fillo dunha muller, neste caso de avanzada idade, que estivo en coma e que non compareceu porque "todo isto faille un dano terríbel".
"Se me permite dicir unha cousa, o único que quere a miña nai é que o xuízo acabe e estea viva para ver a sentenza", apuntou a testemuña. A xuíza, que lle dixo varias veces que sente o ocorrido, pediulle ao fillo da vítima que "non me apreme".