"Ti podes paralos": a solidariedade permite recorrer no TSXG até 28 parques eólicos

Un dos parques recorridos é o do Rodicio, que se instalaría no Macizo Central. (Foto: Turismo de Galiza)
En apenas cinco meses máis de 2.000 doantes —individuais e colectivos— achegaron ao redor de 175.000 euros nunha campaña de recadación solidaria que, baixo o nome de Ti podes paralos!, permitiu recorrer vía contencioso-administrativa no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) un total de 28 proxectos eólicos. A campaña segue en marcha.

lidaria foi impulsada por Adega coa colaboración de diferentes colectivos e entidades ao longo da Galiza. "Protexer o patrimonio natural e cultural de Galiza, velar por un rural activo e con futuro, e promover unha transición enerxética do combustíbel fósil ás renovábeis ben planificada, xusta e sustentábel" é o seu obxectivo, segundo indican en Cerna, a revista que edita a asociación ecoloxista. 

A campaña cunha maior recadación no marco desta iniciativa foi a relativa ao parque eólico Monte da Croa, que promove Cartera Vimira (grupo Villar Mir) entre os concellos de Dumbría e Vimianzo, nas comarcas de Fisterra e Terra de Soneira. O parque contempla sete aeroxeradores, cunha potencia total de 27,9 megawatts. Están agrupados en dous conxuntos separados por varios quilómetros, polo que afectan unha “superficie desproporcionada na que habitan até 26 especies con distintos graos de protección, como a salamántiga rabilonga, a víbora de Seoane ou as aves migratorias que visitan as lagoas de Castrelo”, tal como alertaban desde Adega. Para apoiar o recurso contra este parque, recadáronse 7.440 euros, máis do que se marcara como obxectivo (7.300).

Unha cifra similar (7.300 euros) recadouse para presentar recurso contra o parque eólico Outeiro Grande, que contempla instalar aeroxeradores nas parroquias estradenses de Pardemarín e Olives e, en menor medida, no Concello de Forcarei.

"O potencial mostrado pola campaña para tombar nos tribunais o modelo eólico da Xunta da Galiza en conivencia coas empresas enerxéticas, xunto cos éxitos xa alcanzados nos tribunais, coas anulacións dos parques eólicos Serra do Iribio, Campelo e Bustelo ou a paralización cautelar de Monte Toural, levantou as protestas da Xunta, Greenalia, patronal eólica, a confederación de empresarios e os sindicatos CCOO e UXT", apuntan desde Adega.

De feito, o propio presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, volvía criticar recentemente as sentenzas xudiciais que paralizan eólicos. "Non comparto", dixo a finais de novembro, "os criterios" do TSXG "e por iso os recorremos". "Resulta chocante que sexa máis fácil paralizar unha actividade industrial que iniciala", manifestou. Na mesma liña, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, opinou que, en materia enerxética, o desenvolvemento de proxectos enfróntase a "moitas dificultades" por "unhas voces" que ela considera "poucas, pero fan moitísimo ruído e chegan a mediatizar certas decisións".

Batalla xudicial

Porén, a batalla xudicial contra os parques eólicos é máis ampla e líbrase por diferentes actores. Segundo fontes da Consellaría de Economía, hai 2.390 recursos administrativos presentados contra proxectos de enerxía eólica concedidos a parques eólicos e 112 recursos contencioso-administrativos que afectan a un total de 64 proxectos eólicos.


De comunidades de montes a concellos ou veciñanza

Á hora de participar en Ti podes paralos!, desde Adega agradécese "especialmente" a participación de diferentes axentes, desde comunidades de montes (Tameiga, en Mos; Quireza, na Estrada; Murada, en Forcarei...) até asociacións como A Eira da Xoana, a Sociedade Galega de Ornitoloxía, a Asociación Xermolos, Amil Sen Eólicos ou a Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, entre moitas outras. "Todas elas forman parte deste fito de recadación solidaria con fins ambientais sen precedentes na Galiza que, máis alá das sentenzas, consegue que o movemento ecoloxista medre e active novas fórmulas de acción social fronte ás agresións ao territorio", apuntan desde Adega. 

A campaña desenvólvese nun contexto en que as compañías enerxéticas con actividade na Galiza obtiveron entre 2013 e 2022 uns ingresos de 6.826,7  millóns de euros en concepto de produción de electricidade de orixe renovábel e no cal, en consecuencia, os beneficios das empresas eólicas son elevados. Ademais, os estudos de diversos organismos independentes apuntan á recuperación do investimento necesario para erguer un parque nun prazo inferior a dous anos. A maiores, dous terzos da potencia eólica está suxeita a un sistema de primas por parte do Estado, que subvenciona a súa produción xerando ingresos extras.