O sindicato médico CESM denuncia o Sergas por "homicidio imprudente"

Rocío Mosquera [Imaxe Xunta]

Presentou a demanda perante a Fiscalía ao considerar que o traslado de doentes ao Álvaro Cunqueiro foi precipitado.

 

O sindicato médico CESM demandou esta segunda feira o Sergas perante a Fiscalía por un presunto "homicidio imprudente" e "outros delitos" após o falecemento dunha doente no novo hospital de Vigo. 

Segundo o sindicato poderían existir responsabilidades penais derivadas da morte dunha muller atinxida por unha forte doenza hepática á que se lle detectaron altas doses de aspergillus, un fungo. 

O CESM coida que o traslado de pacientes ao Álvaro Cunqueiro foi precipitado ao non existiren garantías suficientes de que as instalacións reúnan as condicións exixíbeis de seguridade, algo que foi recoñecido desde a Consellaría de Sanidade ao anunciar a paralización do traslado de pacientes. 

En declaracións á imprensa no momento de presentaren a denuncia, desde o sindicato lembraron que o edificio do novo hospital está aínda "en obras" e atribúen a "precipitación" na mudanza de doentes á "urxencia da concesionaria por comezar a cobrar o canon e os servizos extra-hospitalarios"

Neste senso, subliñaron a "responsabilidade" de Sanidade por ter autorizado a abertura do complexo malia os "riscos" existentes para a saúde das persoas.