ASOCIACIóN GALEGA PARA A DEFENSA DA SANIDADE PúBLICA E SOS SANIDADE PúBLICA

Denuncian perante a UE a licitación do novo hospital de Vigo e piden o rescate da concesión

defensa sanidade publica vigo s

A partir de agora ábrese un prazo de 70 días para que o organismo decida se dá traslado da denuncia ao Tribunal de Xustiza.

Representantes da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública e de SOS Sanidade Pública remitíron á Comisión Europea a denuncia contra o proceso de licitación do novo hospital de Vigo “por presunto incumprimento do Dereito Comunitario do Reino de España na persoa do Goberno da Xunta de Galiza”. A partir de agora ábrese un prazo de 70 días para que o organismo decida se dá traslado da denuncia ao Tribunal de Xustiza.

Os voceiros de Defensa da Sanidade e de SOS Sanidade explicaron diante dos medios de comunicación que a denuncia baséase no incumprimento tanto das condicións da licitación como da construción. “Como consecuencia temos un hospital máis pequeno, con menos servizos e con peores materiais”, precisou Manuel González Moreira, portavoz de SOS Sanidad Pública e secretario comarcal da CIG-Saúde de Vigo.

Na denuncia sinálase que a Xunta introduciu importantes modificacións no proxecto inicial que supoñen que a área sanitaria viguesa verá reducidas en 517 as camas de hospitalización convencional; tamén se eliminou o hotel de pacientes, a gardería, a unidade de 160 camas de Coidados Mínimos-Intermedios, a unidade de docencia e investigación e a de rehabilitación; tamén desaparece o laboratorio central e o bloque cirúrxico redúcese de 35 a 24 quirófanos .

No que atinxe ao proceso de licitación, consideran especialmente grave que o Sergas incumprise o principio contemplado no prego de condicións de que o financiamento do proxecto debería correr “a risco e ventura” da empresa adxudicataria “porque foi a propia Xunta a que lle facilitou e lle avalou á concesionaria os cartos a través do Instituto de Crédito Oficial (ICO) e do Banco Europeo de Investimentos (BEI)".