QUINTA FEIRA, MANIFESTACIÓN NA CIDADE

"Temos que recuperar o hospital de Vigo para o ámbito público"

Imaxes dos corredores e do aparcadoiro do hospital

Unha manifestación -que desde a plataforma en defensa da sanidade pública visan sexa multitudinaria-, defenderá esta quinta feira a xestión pública do Álvaro Cunqueiro entre as denuncias ás condicións actuais.

 

A parálise do traslado de doentes ao novo hospital de Vigo, o Álvaro Cunqueiro, foi a pinga que fixo rebordar o vaso. As denuncias pola privatización da xestión, as deficiencias nas infraestruturas, a carencia de persoal, de camas e mesmo de material sanitario sucédense desde antes mesmo da súa abertura. Nen o servizo de aparcadoiro, tamén privado, sae indemne das críticas. 

Porén, até a interrupción da posta en andamento do complexo, por mor dos resultados obtivos nas análises que apuntan a unha posíbel existencia de bacterias e fungos que porían en risco a saúde d@s doentes, a Consellaría de Sanidade e o conxunto do goberno galego, a comezar polo propio presidente, negaban a maior e "acusábannos de alarmistas", apunta Manuel González Moreira da CIG-Saúde en conversa con Sermos Galiza

Para Moreira o que está a acontecer no Álvaro Cunqueiro reflicte a "chapuza" e a "falta de planificación" coa que se desenvolveu a construción e equipación do hospital. Un proxecto que foi deixado en "mans privadas sen a supervisión do Sergas". 

"Deixaron con desleixo que a empresa fixera o que quixese", denuncia, e as consecuencias son agora visíbeis. "Desde a Plataforma en defensa da sanidade pública e a CIG presentamos tres denuncias perante a Inspección de Traballo" nas que aseguraban que a "falta de avaliación previa" imposibilitaba o traslado de doentes. Agora, estas son un feito "con 200 pacientes ingresados". "Hai unha sensación de alarma" no interior do hospital, afirma. 

Para alén da preocupación xerada pola suposta presenza de aspergillus --"un fungo que existe na natureza e que en situacións de saúde normalizadas non tería riscos mais que si os ten para persoas coas defensas baixas como doentes crónic@s ou en procesos cirúrxicos" explica Moreira; as denuncias tamén se suceden polo custe do aparcadoiro.

Aparcar, 10 euros por unha sesión de quimioterápia

E é que @s doentes de cancro que acoden ao hospital para recibir tratamento de quimioterapia pagan unha media de 10 euros por sesión. "Cítannos ás nove mais é mediodía e aínda non recibimos a medicación". Os retrasos, de até 4 horas, segundo denuncian as persoas afectadas, fan incrementar o custe --de 1,75 euros por unha hora como evidencia a factura pendurada nas redes sociais estes días (@juliogonzalezgz).

"Isto pasa porque se deixou en mans privadas o proxecto e a construción" do hospital, subliña Manuel González Moreira. O Álvaro Cunqueiro "estaba previsto que fose o grande hospital da área sanitaria, o de referencia, mais non o será", entre outras cuestións, asegura, pola falta de servizos e "de camas". Das 1.485 previstas --e 2 mil anunciadas-- só se disponibilizarán 845 de hospitalización segundo os dados da propia xerencia. 

Así as cousas, desde a Xunta de Galiza e, no concreto, desde a Consellaría de Sanidade, non recoñecen a situación denunciada. "Estivo aquí dous días dicindo que todo estaba ben, desouvindo a profesionais e pacientes". Neste senso, na súa última visita, Rocío Mosquera tivo que escoitar as denuncias por parte do cadro de persoal que a apupou polos corredores do hospital, embora o gabinete de imprensa gobernamental aseguraba nun comunicado de imprensa que "a posta en marcha do Hospital Álvaro Cunqueiro" continuaba adiante "con éxito e sen incidentes reseñábeis". 

Teitos que caen, pingueiras que inundan departamentos... Para Manuel González Moreira "temos que recuperar o hospital para o ámbito público" e "reivindicármolo como o que ten que ser, o noso hospital". 

Ese será o berro que se escoite polas rúas da cidade olívica o 3 de setembro. "Lanzamos un chamamento á cidadanía de Vigo para se mobilizar", sinala Moreira "en defensa do noso hospital". Á mobilización -que, avanzan, será multitudinaria- acudirán autobuses desde outras localidades da área sanitaria como O Morrazo. Sairá ás 20h do Hospital Xeral (Rúa Pizarro).