MARCHA XIGANTE, A MAIOR DE SEMPRE NA CIDADE COA DA GREVE XERAL DE 1984

Histórica manifestación en Vigo pola xestión pública do Álvaro Cunqueiro

[Imaxe @Helenagz]

200.000 persoas, segundo a policía e a organización, clamaron pola demisión da conselleira, Rocío Mosquera. Unha manifestación xigante, histórica, a maior de sempre na cidade coa da folga xeral de 1984. Vídeo do 'Timelapse' no interior.

 

Unha hora despois de dar comezo a manifestación a cabeceira chegaba á Porta do Sol mais ficaban aínda moitas persoas na praza que linda co Hospital Xeral de Vigo, o punto de partida. 

A maré humana que tomou as rúas da cidade olívica esta quinta feira (3 de setembro) en defensa da sanidade pública fíxose notar mesmo nos autobuses urbanos que apeaban a pasaxe antes do destino por non lles ser posíbel avanzar. 

Rúas ateigadas que clamaban pola demisión da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, a cabeza visíbel da xestión política do goberno galego á que responsabilizan do que está a acontecer no novo hosital, o Álvaro Cunqueiro. Co proceso de traslados paralizado perante os riscos potenciais para a saúde d@s doentes e co falecemento dunha paciente atinxida por unha grave doenza hepática na xornada de onte, como pano de fondo, a veciñanza viguesa exixiu a recuperación da xestión do hospital, agora en mans privadas. 

Porén, a xerencia do Álvaro Cunqueiro e portavoces do servizo médico descartan que as altas doses de aspergillus atopadas na paciente fosen contaxiadas no hospital e atribúen o pasamento á "evolución natural" da súa doenza. 

Mais a carencia de material e persoal, a escaseza de camas e mesmo un servizo de aparcadoiro que custa a un doente de cancro por volta de 10 euros en cada sesión de quimioterapia supoñen razóns de abondo por si soas para defender un outro modelo de xestión que pase pola recuperación para o público do complexo. 

Miles de persoas entoaron o himno galego para pór o ramo a unha manifestación que xa está na historia da cidade

Esa foi a mensaxe que milleiros e milleiros de persoas, 200 mil segundo a policía e a organización, chegadas de todos os puntos da área sanitaria de Vigo, lanzaron ao goberno galego, a comezar pola conselleira e o presidente da Xunta, nunha manifestación que xa está na historia da cidade e que concluíu coa multitude a entoar o hino galego.

A pelota está agora no tellado do goberno galego.