Unha muller con aspergillius morre na UCI do novo hospital de Vigo

Trátase dunha paciente cunha grave doenza hepática á que se lle detectaron altas doses do fungo. O Sergas non confirma nen desmente se a infección se produciu no Álvaro Cunqueiro. 

 

Esta cuarta feira (2 de setembro) faleceu unha doente ingresada desde o 28 de agosto no Hospital Álvaro Cunqueiro. Á muller, de 65 anos atinxida dunha grave doenza hepática, detectáronselle altas doses de aspergillius, un fungo que tería sido causa da paralización do proceso de traslados ao complexo hospitalario. 

Até o momento descoñécese se a infección se produciu no novo hospital. Desde o Sergas aseguran que todas as áreas abertas no Álvaro Cunqueiro teñen controis ambientais correctos, segundo recolle o diario local Faro de Vigo. 

O PSdeG vén de demandar a "evacuación inmediata de todos os pacientes inmunodeprimidos" do complexo hospitalario no que se atopan ingresadas por volta de 200 persoas, segundo publica Europa Press.