Chega un novo semanario en papel Sermos Galiza, que suma xa 354 números e faino cun Tema de Primeira sobre a posibilidade dunha denominación de orixe propia para o aceite galego. Continúa cunha nova entrega de A ollo nu, sección asinada por Xoán Costa, e polas columnas de opinión de Luz Darriba e Mercedes Queixas.
En Sociedade, abrimos cunha reportaxe sobre os escravos galegos nas azucreiras de Cuba e con outra sobre os estereotipos relacionados co verán que pesan sobre as mulleres.
En economía, escribimos sobre as razas gandeiras galegas e sobre os fracasos económicos de Feixoo á fronte da Xunta e continuamos cunha análise da situación que sofre Ciudadanos na Galiza e cunha reportaxe sobre a nova lei de patrimonio natural, que o Goberno galego vén de levar ao Parlamento.
En internacional, debruzámonos sobre as novas caras dirixentes da UE.
Abrimos o Fóra de Serie cunha reflexión do arqueólogo e museólogo Felipe-Senén sobre Arretén, parroquia de Padrón, e a súa riqueza cultural, e continuamos cunha entrevista a Fernando Fernández Rego, autor dun gran volume sobre a historia da música na Galiza.
As columnas desta semana asínanas Pepe Barro e Iago Varela. Ademais, publicamos unha nova entrega de As notas do mar levado, así como unha andaina á Ecovía do Vez.
O galego e o português são a mesma língua? é o libro que analiza Mario Regueira. Andrés Castro fai o propio co filme Van Gogh, ás portas da eternidade. Ademais, o crítico teatral Manuel Xestoso amósanos a súa visión sobre o Centro Dramático Galego.
Todo isto e moito máis no semanario en papel Sermos Galiza, á venda xa na loxa e nos quiosques.