Máis unha cuarta feira o semanario en papel Sermos Galiza chega á rotativa e está xa a disposición das lectoras e lectores na loxa. Dedica o Tema de Primeira aos problemas que padece a lingua galega para se posicionar nas buscas de Google e continúa cos artigos de opinión de Marilar Aleixandre e Guillerme Vázquez, cos cadriños de Nacho Hortas e Tokio e co A ollo un de Xoán Costa.
En Sociedade viaxamos atrás no tempo para coñecer a crónica referida ás mártires de Silán, en Muros. Non nos esquecemos do San Xoán e dos rituais que seguen vivos nunha celebración de marcado carácter pagán.
En Economía publicamos unha reportaxe ao redor das cooperativas vinculadas co mar e outra sobre as características das exportacións que rexistra Galiza.
Política dedicámolo ás entidades locais menores e á situación que vive En Marea e en Internacional recollemos un painel de expertas xuristas que achegan a súa lectura en relación ao xuízo ás presas e presos políticos cataláns.
Fóra de Serie abre cun novo capítulo de A Galiza ignorada, nesta ocasión, dedicada a Idacio da Limia e o espertar cultural. Na entrevista, conversamos con Manuel Vilar sobre a súa próxima dirección no Museo do Pobo Galego.
A crítica literaria de Mario Regueira analiza o poemario de Teresa Ramiro que vén de ser publicado e a cinematográfica de Andrés Castro fai o propio co filme Feedback. Ademais, Manuel Xestoso escribe sobre Galiza escena pro.
En Andar e Ver o equipo XEA danos a coñecer as fervenzas do río da Xestosa e Mercedes Espiño axúdanos a completar a andaina cunha receita dunha torta de piña con crema de iogurte.
Tamén publicamos as columnas de Iolanda Gomis, Máis alá de cero e un, e de Iria Veiga, Po de estrela, que nos dá a coñecer interesantes datos sobre as tatuaxes.
Un novo mapa que recoñece a importancia internacional da Galiza do século XIII completa a relación de temas que recolle o Sermos Galiza número 351, cuxo selfie está protagonizado por Miguel Robledo.
Nas próximas horas, o semanario estará dispoñíbel na loxa e a partir desta quinta feira, nos quiosques e puntos de venda habituais.