Chega un novo número do semanario en papel Sermos Galiza. Nesta ocasión, abre cun Tema de Primeira sobre a vacina contra o virus do papiloma humano e continúa cunha sección de opinión protagonizada por María Pilar García Negro e Xavier Queipo, cos cadriños de Nacho Hortas e Tokio e coa sección A ollo nu, asinada por Xoán Costa.
Abrimos Sociedade cunha reportaxe sobre a soidade e continuamos cunha entrevista a Neves Brisaboa, premio Nacional de Informática. En Economía, comprobamos o malestar do cadro de persoal de Citroën e publicamos unha reportaxe sobre a perda de competitividade da economía galega.
En Política analizamos os pactos post-electorais e mais a situación en que quedan as deputacións e en Internacional, comprobamos como está a conxuntura política en Catalunya.
O Fóra de Serie comeza cunha información sobre as foliadas e cunha entrevista a Oliver Laxe, que vén de ser premiado en Cannes. Ademais das críticas literaria e de cinema e da axenda, Xosé Luís Axeitos escribe sobre as biografías de Manoel Antonio. Tamén contamos coas columnas de Míriam Ferradáns e de Carme Adán.
Por outra banda, Mercedes Espiño deléitanos cunha receita de iogurte de bacallau con coulis de pementos e o equipo XEA lévanos a coñecer a fervenza do Escouridal.
Concluímos coa peza sobre o campo de concentración de Rianxo e co selfie dedicado a Alberto Grandal.
Todo isto e moito máis xa á venda na loxa e a partir da quinta feira nos quiosques.