Satisfacción moderada entre os colectivos sociais que se opoñen á celulosa de Altri, que advirten: "Seguimos alerta"
A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e os colectivos Ulloa Viva e Santiso Vivo valoraron positivamente esta cuarta feira resolución confirmada polo Ministerio de Industria que deixa Altri fóra da liña 4 do Perte de descarbonización. Porén, continuarán "en alerta", xa que a negativa do Goberno español só afecta 30 dos 250 millóns de euros de fondos públicos que demanda a compañía lusa para construír a súa macrocelulosa en Palas de Rei (A Ulloa), e tendo en conta que a propia pasteira afirmou que isto non trastorna os seus plans e que segue adiante coa súa "folla de ruta".
O presidente da PDRA, Xaquín Rubido, considera en conversa con este xornal "positivo que non lles dean 30 millóns de euros" e demanda ao Ministerio de Industria que "faga públicos" os criterios técnicos valorados na resolución "para dar transparencia a todo o proxecto, a transparencia que a Xunta da Galiza se nega a dar". Rubido lembra tamén que até o momento "tampouco sabemos a implicación para as arcas públicas da Galiza do proxecto de Altri, porque a Xunta se nega a facer público o memorando de entendemento entre a empresa e Impulsa Galiza", a pesar de que o propio Consello de Contas vén de demandar "transparencia" nesta sociedade público-privada.
En calquera caso, celebra que o anuncio de Industria "consolida a mobilización social" que protagonizou nos últimos meses a resposta ao proxecto de Altri, ao tempo que advirte: "Seguimos adiante".
Pola súa parte, a voceira de Ulloa Viva, Zeltia Laya, afirma que na plataforma están "moi contentas, porque as novas son positivas". Destaca a este diario que o colectivo vén alertando desde hai meses de que a celulosa que tramita Altri "non cumpre o principio DNSH (Do No Significant Harm; Non Causar Danos Significativos, polas súas siglas en inglés) para poder obter axudas" para a descarbonización. Mais tamén avoga pola cautela: "Seguimos alerta diante do que vén e temos accións convocadas para deixar moi claro que nin 30 nin 250 millóns".
A este respecto, a activista destaca que o CEO de Altri, José Soares de Pina, afirmara que "non se ían implantar nun territorio onde non os queren e sen cartos públicos", e subliña que "o do territorio [que non quere a celulosa] está moi claro, e o dos cartos está empezando a clarificarse".
O portavoz de Santiso Vivo, Serxio Núñez, sinala que "é moi complexo xustificar que un proxecto cun estudo de impacto ambiental (EIA) que non menciona nada sobre a súa pegada de carbono poida acceder a estes fondos". Considera que o anuncio no Ministerio é "unha boa nova", pero advirte de que "aínda queda moito treito por percorrer, porque para o proxecto [Altri] segue pedindo 220 millóns de euros dos Piice (Proxectos Importantes de Interese Común Europeo)". "Temos que seguir presionando para que isto non se leve a cabo", asevera.
Aliás, lembra que o ministro Jordi Hereu xustificou o 'non' a Altri no Perte de descarbonización con base nos "criterios técnicos obxectivos" estabelecidos polo seu departamento, e pide a Industria que "faga públicos todos eses informes técnicos" para que "non aconteza o mesmo que no caso da declaración de impacto ambiental (DIA) aprobada pola Xunta, que non publicou os seus informes positivos".

