Hereu ratifica a exclusión de Altri do Perte por "criterios técnicos obxectivos": "Non obtivo a puntuación mínima"
O ministro de Industria, Jordi Hereu, confirmou na mañá desta cuarta feira en declaracións aos medios desde o Ifema de Madrid, durante a súa intervención na XVII edición da feira Motortec, que o proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei (A Ulloa) quedou fóra da resolución provisional da liña 4 do Perte de descarbonización. Segundo explicou Hereu, Altri "non obtivo, como outras empresas, a puntuación mínima para a avaliación e tampouco sacou a puntuación precisa en todos e cada un dos parámetros". O ministro asegurou que o procedemento de avaliación para a concesión dos Perte é "estritamente técnico" e apuntou que contra a resolución publicada hoxe "as empresas teñen dereito a alegar, como en calquera outro proceso", algo que xa confirmou a pasteira lusa.
Insistiu o ministro de Industria no carácter "técnico" da avaliación dos proxectos que concorren a estes Perte, e asegurou que o de Altri é "un caso máis", aínda que recoñeceu que o proceso arredor da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei "está suxeito a un gran debate social e político". Neste senso, precisou que "o papel que ten o Ministerio, e a nosa obriga, deber e vocación é avaliar de forma obxectiva todos os proxectos industriais que se presentan".
Axudas para a descarbonización
Os cinco proxectos elixidos por Industria nesta cuarta liña do Perte recibirán un financiamento total de 90 millóns de euros. Recibirán estes fondos unha siderurxia en Puertollano (Castela-A Mancha), dúas plantas de xeso en Zaragoza (Aragón) e Buñol (País Valencià) e varias plantas de secado con vapor de caldeiras de biomasa en Andalucía. Hereu asegurou que na Galiza máis de 97 empresas recibiron axudas dos distintos Perte por valor de 160 millóns de euros. Ademais, destacou que o Goberno español leva a cabo no noso país "unha política industrial activa de desenvolvemento" e cifrou desde 2019 o investimento neste eido na Galiza en 2.000 millóns de euros.
A respecto da posibilidade de que Altri concorra a outras convocatorias, Hereu falou de empresas "que volveron presentarse" logo de desestimarse as súas peticións, e asegurou: "Nós seguiremos facendo convocatorias e as empresas teñen todo o dereito a presentarse".
Preguntado polos outros 220 millóns de euros que Altri pretende obter de fondos públicos para a macrocelulosa en Palas de Rei, o ministro limitouse a dicir que "hoxe só falamos do Perte da descarbonización".
