Altri recorrerá a súa exclusión das axudas para a descarbonización e asegura que o proxecto "segue o seu curso"
Altri asegura que non recibiu aínda "comunicación oficial" por parte do Ministerio de Industria de que non terá axudas do Perte de descarbonización industrial para o seu proxecto en Palas de Rei (A Ulloa). Con todo, anuncia que recorrerá esta exclusión, á vez que garante que o proxecto "segue o seu curso" aínda que non reciba os 30 millóns de euros de axuda que solicitara.
Así se expresa a compañía, nun comunicado emitido esta cuarta feira, despois de que a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, asegurase que o Goberno non incluirá Altri nos beneficiarios de fondos europeos asociados ao Perte de descarbonización, alegando que non apoiarán "ningún proxecto que poña en risco a poboación", tras avanzar 'elDiario.es' a decisión do Goberno.
Pola súa parte, Greenfiber –filial da multinacional lusa Altri asociada coa enerxética Greenalia– explica que a participación nesta convocatoria do Perte "produciuse con pleno coñecemento de que, no marco dos compromisos asumidos ante a Comisión Europea, que contemplan que os proxectos candidatos débense completar antes do 31 de marzo de 2026, Gama –nome do proxecto– non podería ser elixíbel por razóns de prazo fóra de que, tal e como se trasladou á empresa, o Goberno español conseguise acordar coa Comisión Europea unha prórroga, considerando que había máis proxectos que se atopaban na mesma situación de incumprimento do prazo de execución". "A día de hoxe, non nos consta que a Comisión Europea aprobase esa prórroga", agrega a compañía.
É por iso que Altri recorrerá a resolución do Ministerio de Industria, "na confianza de que o Goberno de España poida alcanzar un acordo coa Comisión Europea para a ampliación do prazo de execución e se tomen en consideración as alegacións da compañía".
O proxecto segue adiante
"En calquera caso, a decisión de continuar co proxecto nunca estivo supeditada á inclusión de Gama no Perte de descarbonización industrial", deixa claro. Altri indica que esa "é unha máis das vías que a empresa está a explorar para articular a estrutura financeira do proxecto e reducir o risco do investimento inicial, que supera os 1.000 millóns de euros, asociado ao uso de novas tecnoloxías e a un elevado nivel de innovación, non para sufragar os custos operacionais do proxecto". "Por tanto, a non obtención desta axuda non altera a folla de ruta previsto", sentencia a compañía.
O proxecto inicial de instalación dunha fábrica de fibra téxtil a base de celulosa na Ulloa provocou multitude de protestas na Galiza para denunciar os seus posíbeis impactos e recibiu o pasado mes de marzo a declaración ambiental favorábel por parte da Xunta da Galiza ao considerar que a esa macrocelulosa é viábel. A empresa expresou que quere 250 millóns de axudas públicas cun investimento de preto de 1.000 millóns.
Con todo, Altri incide en que o proxecto "segue o seu curso", avanzando nos próximos trámites como a Autorización Ambiental Integrada, "así como na identificación doutros instrumentos de financiamento público xa utilizados anteriormente polo Goberno de España para outros proxectos industriais e que, como este, tamén destacan polo seu enfoque específico en proxectos con alto impacto en descarbonización e innovación tecnolóxica".
