O Santo Amaro volve reunir este domingo a comunidade atlántica

Asistentes ao Santo Amaro en Lisboa o ano pasado (Foto: Nós Diario).
A Coruña, Vigo e Lisboa lembran o sabio navegante con actos, encontros e romarías. O seu culto continúa vivo malia non estar no santoral oficial da Igrexa Católica.

A recuperación da figura do Santo Amaro colle forza en lugares tan distantes como A Coruña e Lisboa, sumándose á tradición que aínda continúa moi viva na parroquia viguesa de Matamá.

O culto atlántico desta figura vai máis alá do relixioso e recobrou forza anos atrás coa publicación da novela do escritor, músico e xornalista  Xurxo Souto, A Gran Travesía de Chiruca Macallás (Xerais, 2018), na que aparecía o santo como protagonista do capítulo Dos vellos navegantes e a illa do paraíso

En 2022, após 111 anos sen realizarse segundo fontes documentais portuguesas, a lembranza de Santo Amaro volveu á fregresía de Alcântara, en Lisboa, lugar onde se atopa o seu templo, fundado en 1549 por un grupo de mariñeiros galegos.

Foi da man do recentemente creado ‘Movimento Aú Galiza em Portugal’ e do seu impulsor, o profesor Carlos Callón, que se procurou cunha festa laica, na que participou o propio Xurxo Souto, sinalando a importante presenza galega durante séculos na capital portuguesa.

Con esa mesma intención este 2023 volverá a convocatoria coincidindo co día do santo, o 15 de xaneiro, na porta da súa capela ás 16.30 horas. O programa contará, ademais de musica, coa presenza de Alberte Campos, membro do ‘Movimento Aú Galiza em Portugal’; de Xurxo Ayán, arqueólogo; e das escritoras Raquel Miragaia e María Dovigo.

A Coruña e Santo Amaro, que non é San Mauro

Xurxo Souto explica a Nós Diario que na Coruña levan tres anos impulsando a celebración de Santo Amaro a través da Asociación Veciñal Atochas-Montealto e do colectivo Rego da Serpe. Por este motivo para o vindeiro domingo teñen convocada a “lenda e foliada de Santo Amaro” na praia que leva o seu nome ás 12 horas.

Coa lembranza deste santo, tamén protagonista de famosas romarías en Madeira, Canarias ou nas illas dos Açores, tamén está a idea de recuperar a memoria de lugares que o relacionan coa cidade herculina. É o caso da capela e da fonte enriba da súa praia. “A famosa –no meu barrio- fonte do Picho, desaparecida hai poucos anos, sen que ninguén no Concello nos dese ningunha explicación”, apunta Xurxo Soto.

Para o músico e escritor, a figura do “sabio que embarcou na procura da Illa do Paraíso” personifica a “irmandade atlántica” que relaciona “Vigo e A Coruña como cidade única” con outras cidades, como a capital de Portugal, na que foi importante a presenza galega.

O seu culto tivo e ten que loitar contra a súa inexistencia no santoral da Igrexa Católica que tivo que identificalo como San Mauro. “A súa fama foi tal que non lles quedou máis remedio que identificalo con aquel ao que máis se asemellaba o seu nome: Mauro”, relata Souto, “aínda que ambas as dúas palabras non teñan nada que ver entre si”, engade. 

A historia de Amaro reúne elementos de lenda que serviron para que se aparecera en varios escritos como o que recolleu Uxío Carré na parroquia de Figueiroa (Abegondo), e que publicou en 1925 na revista Nós. Souto sinala que sobre a lenda consérvanse varios textos, como o Conto de Amaro, un texto do século XIV incluído na Colecção Mystica de Frei Hilário da Lourinhãa, monxe de Alcobaça, na rexión central de Portugal. Nel relátanse as aventuras que pasou Amaro na procura da Illa do Paraíso, entre elas a loita contra monstros marítimos terríbeis e “belfas marynhas”.