Os galegos de Lisboa recuperan a súa festividade após 111 anos de esquecemento

Amaro, o santo que non existe no santoral

A comunidade galega de Lisboa celebra hoxe o seu patrón. A capela da capital portuguesa de Santo Amaro serve de lugar de encontro para restaurar unha festividade perdida hai 111 anos e recuperar unha figura non recoñecida polo santoral católico que nos liga ao espazo atlántico e ao seu marco cultural.

Amaro
photo_camera Interior da capela de Santo Amaro na freguesía lisboeta de Alcantara.(Foto: Nós Diario)

Atrás quedan os tempos nos que os galegos eran a segunda comunidade de Lisboa e os membros da colectividade recibían o nome de “Chico Aú”, referido a que os “augadeiros” galegos anunciaban o seu produto ao berro de “aú”, en referencia a auga de pronuncia galega, diante da “agua” da fala lisboeta. Foi precisamente nese período, á volta do século XIX, cando a celebración do Santo Amaro gozou de máis popularidade na capital da nación veciña e o 15 de xaneiro data de paro obrigatorio para os galegos residentes nesta cidade.

O lugar escollido polos galegos para a súa festa era a capela de Santo Amaro, situada na freguesía lisboeta de Alcantara. O templo, fundado en 1549 por un grupo de mariñeiros galegos, pasa por ser un dos monumentos máis belos da cidade. A este respecto, Xurxo Souto, un dos promotores do acto, sinala a Nós Diario que “a capela é un edificio fermosísimo, cunha singular planta octogonal. Uns azulexos que a decoran narran a navegación dun grupo de galegos, frades franciscanos, camiño de Terra Santa. Golpeados por unha tormenta terríbel, encomendáronse ao Santo Amaro  e acadaron a salvación”.

A festividade dos galegos volve a Lisboa após 111 anos, nesta ocasión cun carácter laico pero outra vez nas proximidades da capela de Santo Amaro. Carlos Callón, un dos galegos residentes na capital portuguesa impulsores desta xornada, comenta a Nós Diario que “trátase de recuperar tradicións que os historiadores portugueses teñen documentado”. “Este ano recuperámola con carácter simbólico, dadas as circunstancias sanitarias dá pandemia, mais a nosa a intención e poder mantela con máis forza nos próximos anos”, asegura Callón.

Os galegos de Lisboa

A comunidade galega en Lisboa de hai 100 anos pouco ten que ver coa de hoxe e menos aínda con aquela colectividade posterior ao terremoto de Lisboa de 1751 que chegou a representar o 20% da poboación da cidade”, reflexiona Callón, quen indica que “hoxe a maioría dos galegos e das galegas veñen a Lisboa a pasar unha estadía”. Porén, destaca que “nos últimos anos hai unha ollada dos sectores académicos para Galiza, como os casos de Fernando Venancio e Marcos Neves que é interesante após a ruptura do diálogo de anos atrás”.

Xurxo Souto, que vai estar presente hoxe en Lisboa na festa dos galegos, considera que “é ben tempo, pois, de recuperar  a tradición”. Neste sentido, afirma que “a celebración é especialmente evocadora porque Amaro é un santo que non existe, non aparece no santoral católico. Mais como a devoción cara a el era tanta, identificouse co nome que máis se lle asemellaba foneticamente, San Mauro”. “Mais estas figuras nada teñen que ver entre si”, insiste Souto, quen lembra que “Mauro foi o primeiro discípulo de San Bieito, por iso se lle representa vestido de monxe co hábito beneditino”.

A presenza de Santo Amaro continúa moi viva na Galiza. Sen ir máis lonxe, dá nome a un concello de Ourense, a praia e ao cemiterio da Coruña e a súa festividade é moi celebrada na parroquia viguesa de Matamá. As súas lendas mantéñense en diversos lugares da nosa xeografía, destacando as recollidas por Uxío Carré na parroquia de Figueiroa, en Abegondo, e publicadas, á volta de 1925, na revista Nós. Ao tempo, os veciños da Pobra do Caramiñal afirman que o vello mosteiro de San Xoán da Misarela fundouno Santo Amaro tras chegar ao lugar fuxindo dos mouros nunha barca de pedra.

As barcas de pedra

O relato oral sobre o mosteiro de San Xoán da Misarela foi recollido en 1745 polo padre Sarmiento. A este respecto, Fernando Alonso Romero, no seu libro Santos e barcos de pedra, lembra que esta narración “onde a providencia acode en axuda dun santo que navega nun barco de pedra, atopámolo na lenda irlandesa de San Buadan”. Así as cousas, a tradición popular de Santo Amaro lígao coas lendas comúns aos pobos atlánticos sobre santos navegando en barcos de pedra, tan características do noso patrimonio inmaterial.

A tradición oral sitúa a Santiago chegando a Galiza nunha barca de pedra. Outro tanto acontece en Muxía coa virxe da Barca, sendo considerada a pedra de Abalar do famoso santuario o casco da embarcación empregada na travesía, a pedra dos Cadrís a vela e a pedra do Timón, o que o seu nome indica. Esta mesma, narración repítese nas terras estremeiras de Navia ou no Santo André de Teixido (Cedeira), sinalando a lenda que a grande rocha illada de Punta Gaveira e a nave que trasladou ao santo, sendo coñecida popularmente como a barca de Santo André.

As barcas de pedra son comúns a toda a tradición cultural dos pobos atlánticos. Do mesmo xeito, como indica Xurxo Souto, o relato sobre Santo Amaro e a súa chegada á illa do Paraíso é análoga a do santo irlandés Brandán do século VI ou de, Saint-Malo, un frade galés fundador de varios mosteiros na Bretaña.

Comentarios