Unha foliada para recuperar a memoria

A carballeira do Souto de Chousa da Porta, en Moneixas (Lalín), acollerá a Foliada da Memoria, para recuperar a lembranza dos artistas represaliados polo franquismo, con Xurxo Souto como mestre de cerimonias.
Os Dezas de Moneixas nunha fotografía histórica.
photo_camera Os Dezas de Moneixas nunha fotografía histórica.

Constante Moreda, nado en 1894 no barrio de Cabral -daquela no concello de Lavadores,- foi unha lenda da gaita, un dos poucos, senón o único, que lle ganou nun concurso a Avelino Cachafeiro, o mítico gaiteiro de Soutelo. Foi tamén membro fundador do cuarteto Airiños de Cabral, de gran sona na altura. O último concerto que deu Moreda foi nas festas patronais de Santa María de Cabral, o día 18 de xullo de 1936. En decembro dese mesmo anos, sería fusilado xunto co seu pai, seu irmán e varias persoas máis ao pé do vigué monte do Castro. O seu delito fora ser militante do Partido Comunista.

Manuel del Río Mandayo, natural de Ordes, tamén era gaiteiro e, ademais, secretario xeral do seu partido, o PSOE, na súa vila natal. Mandayo foi detido e torturado antes de ser "paseado" no cemiterio de Boisaca, en Santiago. 

O delito de Pastora e Cándida Cordal consistiu en ser irmás de Castor, un electricista que militaba na CNT. A Pastora e Cándida foron sacalas da casa para obrigalas a tocar a pandeireta e a bailar espidas no verán do 36, nun exercicio de humillación frecuente naquel verán.

Historias como estas -nas que a crueldade e o horror se mesturan coa aldraxe e a humillación- son as que non se contan e as que os organizadores da Foliada da Memoria -que se celebra hoxe na carballeira do Souto de Chousa da Porta, en Moneixas, Lalín- non queren que se esquezan. 

Nesta Foliada da Memoria -organizada pola Deputación de Pontevedra a través do programa ‘O Pasado Por Vir' do departamento de Memoria Histórica- renderase homenaxe a artistas de música tradicional represaliados polo franquismo despois do golpe do 1936.

Xurxo Souto será o mestre de cerimonias que guíe as homenaxes a Constante Moreda, Manuel del Río Mandayo e a Pastora e Cándida Cordal, mais tamén a outras vítimas relacionadas coa música tradicional: o gaiteiro José Gómez Avelaira, á muller de Manuel del Río, Pilar Navieira Golán; á súa irmá Maruja del Río Mandayo e a súa nai, Dolores Mandayo Montero, que gardou para sempre a trenza cortada polos falanxistas.

Os Dezas de Moneixas e Xesús Froiz 

Tamén se homenaxeará aos Dezas de Moneixas, unha agrupación que, malia todos os atrancos, logrou sobrevivir e transformarse nunha das principais referencias da música tradicional galega do século XX. E haberá unha lembranza especial para Xesús Froiz, escritor, xornalista e político que promoveu a formación. El foi o artífice de que os gaiteiros de Moneixas foran por esta época acompañantes de todos os actos do Partido Galeguista, do cal era responsábel en Lalín. 

Froiz participou nas campañas das eleccións de 1936 e na do Plebiscito do Estatuto. Ao producirse a rebelión fascista do 18 de xullo, foi detido, encarcerado, torturado e, finalmente, asasinado no quilómetro 23 da estrada Chapa-Carril.

A festa que nos furtaron 

A Foliada da Memoria pretende lembrar a todas estas vítimas do fascismo coa alegría que todas aquelas persoas represaliadas eran quen de comunicar, polo que a festa será a guía que oriente a xornada, coa participación de Bandaló, as Pandereteiras Bouba, Os Dezas de Moneixas, Varacuncas e as Pandereteiras de Botos, ademais dos postos de polbo, churrasco, empanada, rosquillas, churros e demais elementos imprescindíbeis nesa festa que continúa e que quixeron furtarnos.

Cultura popular para lembrar as vítimas da represión

Ademais da música, a Foliada da Memoria terá unha mostra de creación de instrumentos e traxes tradicionais a cargo da asociación de gaiteiros e gaiteiras galegas; un espazo para crianzas con xogos populares mañá e tarde; obradoiros de canto e baile, conducidos por Enrique Viz e Marta Mouriño respectivamente. Por outro lado, Títeres Viravolta porá en escena a obra A nena que regaba a alfabaca e o príncipe preguntón de Federico García Lorca, outra vítima do fascismo. 

Comentarios