Feixoo muda de criterio respecto á mobilidade

Sanidade dispón catro niveis de restricións para proseguir a desescalada

A hostalaría poderá abrir até as 21 horas e ampliará a súa capacidade nos concellos do nivel baixo. (Foto: Mero Barral / Europa Press).
A partir desta sexta feira e até o remate da Semana Santa, as reunións entre persoas non conviventes quedarán prohibidas nos domicilios. Así mesmo, a hostalaría poderá abrir até as 21 horas e aumentar a súa capacidade en interiores e exteriores nos concellos do nivel baixo.

A incidencia da Covid-19 segue a descender na Galiza, malia que a un ritmo máis lento que en febreiro e coa ameaza dunha posíbel cuarta vaga por mor do alivio das restricións. Así, fronte ao aumento da terza feira, os casos activos baixaron a 2.658 (27 menos que na xornada anterior), mais os novos contaxios detectados subiron por segundo día consecutivo até os 148 (+26). Desde o inicio da pandemia contabilízanse 2.306 pasamentos, após as tres novas vítimas mortais notificadas nesta cuarta feira.

A taxa de positividade sitúase en 1,9%, por baixo de 5% recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS), mantendo a tendencia das últimas xornadas. Así mesmo, a incidencia acumulada a 14 días cae a 77 casos por cada 100.000 habitantes, mentres a sete é de 35 casos.

Por outra banda, a presión asistencial volve diminuír até os 58 internamentos nas unidades de críticos (-7) e 235 en hospitalización convencional (-13). No tocante ás residencias, caen a 40 os casos activos entre residentes (-5) e mantéñense en dúas as traballadoras afectadas. Cómpre lembrar que desde finais do pasado mes están permitidas até tres visitas semanais e dúas persoas nestes centros.

Novas medidas

Con estas cifras sobre a mesa, o Comité Clínico decidiu estabelecer catro niveis de restricións, así como unha serie de medidas que afectan o conxunto da Galiza. Estas mudanzas, que se publicarán nesta cuarta feira no Diario Oficial da Galiza (DOG), entrarán en vigor ás 00 horas da sexta feira e manteranse até o remate da Semana Santa. Porén, o vindeiro 30 de marzo revisaranse as restricións aprobadas e poderían mudar en función da situación epidemiolóxica.

"Tense ralentizado o ritmo de baixada [da Covid], mais non se rexistraron grandes repuntas desde que iniciamos a desescalada. Os datos permítennos continuar cun proceso de apertura medido e gradual até a fin da pandemia, actuando sempre con cautela e avanzando na recuperación económica dos sectores máis afectados", expuxo na cuarta feira en rolda de prensa o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo.

Deste modo, o toque de recoller fica nas 22 horas, e a Galiza segue fechada de cara ao exterior. A principal novidade é a prohibición das reunións entre persoas non conviventes nos domicilios. Unha decisión adoptada no Consello Interterritorial, a nivel estatal. Pola contra, agás no nivel máximo de restricións, si poderán xuntarse en espazos públicos interiores e exteriores. Isto inclúe lugares de culto, espazos culturais e instalacións deportivas, cun máximo de seis persoas ao aire libre e de catro en interiores, e sempre coa obrigatoriedade da máscara. A capacidade permitida depende das restricións aplicadas a cada municipio.

Permítese a mobilidade na totalidade do territorio galego, agás nos tres concellos que fican no nivel máximo de restricións

No que concirne á mobilidade interior, o mandatario galego anunciou un cambio de criterio: se ben Sanidade apostaba nos últimos días por limitar os desprazamentos nos concellos cunha incidencia de entre 250 e 500 á propia área sanitaria, agora están permitidos por todo o territorio a excepción dos que se atopan no nivel máximo. E a hostalaría, agás neste grupo de municipios, onde se permite ofrecer os servizos de recollida no estabelecemento e entrega a domicilio, pode abrir a partir de mañá até as 21 horas.

Por outra banda, tal e como adiantou Núñez Feixoo, nesta quinta feira o Consello da Xunta aprobará a creación nas sete áreas sanitarias de "unidades poscovid" para tratar pacientes con secuelas da enfermidade.

Nivel máximo

No máximo nivel de restricións non se producen mudanzas. Trátase dos concellos cunha incidencia a 14 días superior a 500 (Maside, Paradela e Vilardevós), e en consecuencia manteñen o fechamento individual do municipio (agás por motivos xustificados de desprazamento), a prohibición das reunións entre non conviventes en calquera espazo e a clausura da hostalaría.

Nivel alto

No nivel alto fican os concellos con valores entre 250 e 500 (Arteixo, Boborás, A Mezquita, Neda e Pontecesures). A hostalaría só poden abrir no exterior, cunha capacidade máxima de 50%. Está permitido xuntarse con non conviventes (catro ou seis, en función de se o espazo é interior ou exterior), e as instalacións deportivas, culturais e lugares de culto abren a 30%. Tamén se pode practicar deporte en grupos dun máximo de catro persoas, sempre coa máscara posta. A mobilidade interna está permitida entre todos os municipios galegos, agás nos que fican no nivel máximo.

Nivel medio

Os concellos cunha incidencia entre 150 e 250 (Bergondo, Boimorto, Chantada, Coles, A Coruña, Culleredo, Guitiriz, Laxe, Mugardos, Pantón, Ponteceso, Sober, Soutomaior e Valdoviño) sitúanse no nivel medio, que permite á hostalaría abrir nas terrazas a 50% e no interior a 30%. No tocante ás demais medidas, non mudan con respecto ao nivel alto.

Nivel baixo

Os municipios cuxa incidencia acumulada sexa inferior a 150 (os restantes) acceden a un novo nivel, baixo, de restricións, e afectan 85% da poboación galega. Así, a hostalaría pode abrir a 75% no exterior e 50% no interior, e as instalacións deportivas, culturais e de culto teñen tamén capacidade de 50%. As restantes restricións non difiren das estabelecidas nos niveis medio e alto.