A patronal adía o convenio das residencias de maiores

O persoal das residencias de maiores da Galiza están sen convenio colectivo desde 2019. Por este motivo as empresas non lles actualizan os salarios e contan cunha maior carga de horas anuais que as que traballan no sector público. Os sindicatos denuncian esta situación e exixen que a patronal non dilate no tempo esta situación.
As residencias de maiores foron protagonistas nos peores momentos da pandemia. Na imaxe unha traballadora de DomusVi (Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera As residencias de maiores foron protagonistas nos peores momentos da pandemia. Na imaxe unha traballadora de DomusVi (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

As residencias privadas de maiores protagonizaron durante toda a pandemia moitos titulares e algún que outro escándalo. O seu persoal cargou con parte da responsabilidade dunha profesión que non acostuma saír á luz pública. A súa situación laboral, agochada todo este tempo tras o pano da traxedia sanitaria, descobre unha paralización da negociación colectiva desde o conflito que tiveron en 2019 como consecuencia da denuncia das tres centrais sindicais (CIG, CCOO e UXT) en relación á compensación polos días festivos traballados que as empresa comezaron a reducir malia contar cun acordo que xa estaba aprobado nos catro convenios colectivos anteriores. 

O sector, dominado polas organizacións patronais Asociación galega de residencias privadas da terceira idade (Agarte) e Asociación galega de residencias e centros de anciáns de iniciativa social (Acolle), agardou a que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) resolvera o conflito cunha sentenza o 25 de maio de 2020 na que daba a razón aos sindicatos. A resposta patronal foi adiar a mesa negociadora que non se constituíu até o 25 de xuño dese mesmo ano. A partir dese momento, as xuntanzas son poucas e en plena pandemia as traballadoras e traballadores deses estabelecementos comezan a pensar que non hai vontade de negociación.  

Parálise na negociación

"Nestes dous anos que levamos de atraso no convenio colectivo os e as traballadoras non tiveron ningún incremento salarial, cando están facendo un traballo cun esforzo e cunha implicación diante desta situación de pandemia", explica Pedro Pérez, secretario de organización de CIG-Servizos e responsábel de negociar o convenio de residencias da terceira idade na Galiza. Para este sindicalista "non se recompensa o persoal mentres os lobbis e as grandes empresas do sector seguen negociando cos nosos maiores, o seu enriquecemento á custa deles".

Apunta a que están "nunha situación moi precaria e vulnerábel, hai que ser conscientes de que traballamos con persoas e as empresas non teñen en conta isto". Relata que en nove meses tiveron reunións, "a última foi o pasado 3 de marzo e queren que a seguinte sexa o día 14 de abril". En todo ese tempo a negociación implicou 13 artigos "e sen unha proposta por parte da patronal".

Alfonso García, responsábel de dependencia de CCOO-Sanidade, coincide en sinalar que "hai un atranco evidente na mesa negociadora". Para este sindicalista "a pandemia impactou e nalgúns casos os medios de comunicación magnificaron a situación nas residencias pasando un estigma ao persoal traballador polo que cre que “é o momento de que as patronais dean resposta". Ademais de ter os salarios sen actualizar, considera que é "un problema na media retributiva onde o índice de prezos ao consumo está en 0,6% polo que pedimos ese incremento nos salarios" tendo sempre en conta que "unha cousa é revalorizar automaticamente os salarios ao IPC mentres estamos a negociar o convenio e outra cousa distinta un incremento retributivo das táboas salariais". O incremento retributivo das táboas salariais para o novo convenio, din desde CCOO, é unha cuestión que aínda non se tratou na mesa de negociación. "Pedimos que nas táboas se garanta un salario mínimo de mil euros mensuais e solicitamos unha suba equiparable na mesma proporción para o resto de categorías profesionais e que se aplique ao conxunto de traballadores e traballadoras", apunta García.

Outra das demandas que engade é "mellorar as condicións en relación á atención sociosanitaria". Asegura que a pandemia "destapou a situación de certas eivas como é mellorar os cadros de persoal que nalgunhas é deficitaria". Pon o exemplo do número de traballadoras por residentes que, aínda que non entraría no convenio por ser unha cuestión que ten que ver coa normativa da Xunta, debería ter en conta as diferentes categorías profesionais. "Bótase de menos persoal de enfermaría e hai máis xerocultoras cando non teñen a mesma función".

Unha traballadora por cada catro residentes

A partir de 2012 a Xunta da Galiza, responsábel por ter as competencias en Política Social, determinou que o número de traballadoras e traballadores por cada persoa maior que ocupara unha residente baixara. Para Loli Simón, traballadora da residencia DomusVi de Barreiro e delegada da CIG, esta decisión que tomou o PP no Goberno galego implicou un aumento na carga de traballo considerábel, pasando a coidar un mínimo de catro residentes cando antes eran dous.

Comentarios