A Xunta establece o fechamento perimetral en 3 concellos e nivel alto para outros 7

Código QR de control na entrada dun local de hostalaría. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
As novas limitacións saíron da reunión que mantiveron a Consellaría de Sanidade e o comité clínico esta cuarta feira. Agárdase que mañá poidan transcender cambios a nivel da hostalaría, pois xa comezaran a analizarse a semana pasada, ao entender que a mellor evolución epidemiolóxica permitía tomar medidas independentes por concellos.

A Xunta vén de comunicar que, xunto coas expertas consultadas, imporá o fechamento dos municipios de Vilardevós, Paradela e Maside, estabelecendo tamén o resto de restricións que van ligadas ao nivel máximo.

Así mesmo, as e os especialistas recomendaron que pasen ao nivel alto de prohibicións outras sete localidades, pois os contaxios do coronavirus evolucionaron á alza. En concreto estarán nese espazo Arteixo, Neda, Sobrado, Soutomaior, Pontecesures, A Mezquita e Boborás.

Estas medidas, entre outras, foron aprobadas no decorrer dunha nova reunión da Consellaría de Sanidade co comité clínico que asesora ao Executivo galego sobre a evolución do coronavirus e os seus efectos na Galiza.

Malia que estaba previsto que se notificasen cambios de horario na hostalaría, esta noite non se comunicou nada ao respecto. Haberá que agardar até a comparecencia de Sanidade de mañá para coñecer máis sobre o contido do encontro.

Polo de agora o único claro é que o resto de municipios van seguir no nivel medio de limitacións, se ben as variacións entrarán en vigor na medianoite da sexta feira.

Despois do paro na inoculación da AstraZeneca

Estas modificacións na realidade de galegos e galegas decorren na mesma semana na que foi anunciada a suspensión da vacinación contra o virus de AstraZeneca.

En calquera caso, desde a comunidade médica galega xa comezaron a transmitir unha mensaxe de tranquilidade para aquelas persoas que recibiron unha ou as dúas doses do remedio.

Así mesmo, tamén se suceden as denuncias polos efectos derivados da pandemia como poden ser as listaxes de agarda nas especialidades médicas da rede sanitaria galega, o atraso no tratamento para algúns colectivos profesionais e mesmo o enriquecemento con algunhas das vítimas da pandemia.

Prioridades

Por outra banda, hoxe o delegado do Goberno do Estado español no país, Javier Losada, presidiu o encontro de traballo do Centro de Coordinación pola Covid-19, após o cal afirmou que as prioridades das forzas e corpos de seguridade van seguir sendo que se respecten as restricións "na hostalaría e o control do fechamento perimetral da Galiza".

Esta última opción xa foi aprobada para intentar controlar os contaxios tanto na ponte de San Xosé como durante a Semana Santa.