Apertura da hostalaría até as 21 horas e as reunións nos domicilios limítanse a conviventes

Alberto Núñez Feixoo en rolda de prensa. (Foto: Xunta da Galiza)
As novas medidas entrarán en vigor esta sexta feira e revisaranse antes da Semana Santa. 

Núñez Feixoo anunciou esta cuarta feira 4 niveis de restricións, que fixarán capacidades e novos horarios que se van aplicar para esta ponte de San Xosé.

- Máxima restrición (só Vilardevós, Paradela e Maside): fechamento perimetral e hostalaría fechada.

- Segundo nivel Entre 250 e 500 casos de incidencia acumulada (IA) a 14 días (6 concellos: Arteixo, Neda, Sobrado, Soutomaior, Pontecesures, A Mezquita e Boborás): Hostelaría, terrazas até 50% de capacidade e poderán abrir até as 21 horas.

- Terceiro nivel; Ente 150 e 250 de incidencia acumulada: Son 14 concellos, nos que vive 12,4% da poboación galega. Boimorto, A Coruña, Culleredo, Mugardos, Ponteceso, Valdoviño, Bergondo, Laxe, Chantada, Guitiriz, Pantón, Sober, Soutomaior e Coles. Mantense a capacidade do 30% do interior e o 50% do exterior na hostalaría. O feche será ás 21 horas.

- Cuarto nivel: No resto dos concellos, con IA menor a 150 casos. Amplíase a capacidade interior a 50% e terrazas a 75%. Horario de feche establécese aquí ás 21 horas.

As decisións anunciadas hoxe serán revisadas o 29 ou 30 de marzo, antes dos festivos de Semana Santa

O toque de recoller mantense ás 22 horas. As xuntanzas non poderán ser de máis de 6 persoas no exterior e 4 no interior. Nos domicilios, prohibidas as xuntanzas entre non conviventes. 

Mobilidade

Feixoo tamén anunciou un cambio na mobilidade. Liberdade de movementos entre todos os concellos con menos de 500 casos de IA a 14 días. Isto é, que tan só hai 3 municipios na Galiza excluídos desa liberdade de movemento, que son os que están sometidos a nivel máximo de restricións: Paradela, Vilardevós e Maside.

O presidente anunciou na súa comparecencia que no Consello da Xunta íase tratar a creación de 7 unidades poscovid (unha por cada área sanitaria) para tratar as persoas que tiveron coronavirus e teñen secuelas. Feixoo informou que na Galiza hai 206.000 persoas inmunizadas pola vacinación mais lembrou que esa cifra representa apenas 7,6% da poboación galega.

"Imos moito máis lentos do que nos gustaría ir", manifestou sobre o ritmo de vacinación, engadindo que agarda que se cumpran os compromisos anunciados polo Goberno español na subministración de vacinas. De ser así, dixo, poderíase inmunizar todas as persoas maiores de 80 anos antes de que remate abril.

"A cuarta onda é un risco certo nalgúns países da UE", dixo.

Fechamentos perimetrais

O comité clínico acordou na xuntanza desta segunda feira pedir fechamento dos concellos de Vilardevós, Paradela e Maside, estabelecendo tamén o resto de restricións que van ligadas ao nivel máximo.

Así mesmo, as e os especialistas recomendaron que pasen ao nivel alto de prohibicións outras sete localidades, pois os contaxios do coronavirus evolucionaron á alza. En concreto estarán nese espazo Arteixo, Neda, Sobrado, Soutomaior, Pontecesures, A Mezquita e Boborás.