Os hoteis galegos prefiren perder Semana Santa e salvar a tempada de verán

O sector chama á prudencia e xustifica que moitos hoteles non abran en Semana Santa co gallo de salvar a tempada de verán.
Hoteis, como o Eurostars Atlántico da Coruña, permanecen fechados desde o verán polas restricións á mobilidade persoal (Foto: Xoán Roberes).
photo_camera Hoteis como o Eurostars Atlántico da Coruña permanecen fechados desde o verán polas restricións á mobilidade persoal (Foto: Xoán Roberes).

A ponte de San Xosé é o primeiro termómetro para avaliar a resposta do sector hoteleiro ao desexo de centos de galegos e galegas de desfrutar dunhas mini vacacións lonxe da casa. O problema é que a oferta actual non permite facer moitos plans, xa que boa parte dos hoteis galegos permanecen fechados.

É o caso do Hotel Rúa Villar, que rexenta a presidenta da Asociación de Hostalaría de Compostela, Sara Santos. Como explica a Nós Diario, as previsións para Semana Santa "son nefastas" para os hoteis. As reservas están no 2% nos poucos que seguen abertos, "e 15% como máximo nos sitios de máis afluencia", apunta.

Na súa opinión, a fin das limitacións á mobilidade dentro da Galiza van beneficiar sobre todo cafetarías e restaurantes, pero non tanto os hoteis, aos que non lles compensa abrir para tan poucos días. "É o mesmo que teñas dous cuartos ocupados a que esteas cheo, porque o persoal de recepción é o mesmo". 

Refírese Santos a que a viabilidade cun número de reservas tan baixo "non compensa para manter o negocio aberto durante catro días". A isto hai que sumar o medo a que "se abra a man e a xente comece a desenfrearse, e quedemos sen verán, que é onde máis esperanzas temos". 

Na mesma liña, César Ballesteros, presidente dos hostaleiros de Pontevedra, recoñece que hai "moita prudencia dentro do sector". De momento non se dá todo por perdido xa que "a realidade pode variar en cuestión de días". "O último que queremos é unha avalancha de turistas que leve consigo unha cuarta vaga. O que pasou en Nadal queremos evitalo custe o que custar", engade. 

Horarios de apertura

Hoxe está previsto que se reúna o comité clínico, que podería anunciar variacións nos horarios de apertura da hostalaría, entre outras cuestións. "É moi distinto pasar uns días nun lugar onde podes ter a opción de cear alá onde vaias que non tela", destaca Ballesteros, que fía a que "no último momento, cando saibamos as posibilidades reais de apertura" poidan aumentar as reservas.  

"Vemos a desescalada moi necesaria, mais se non podes ir ás Illas Cíes ou abrir pola noite os restaurantes vai dificultar moito que a xente tome a decisión de facer unha escapada", argumenta o presidente dos hostaleiros de Pontevedra. "Se amplías o horario até as 23 horas, a restauración xa podería dar ese servizo". 

A recuperación das rutas ás Cíes, como sinala, pode ser outro dos alicientes que leven galegas e galegos doutros recunchos do país a visitar as Rías Baixas, mais zonas como Sanxenxo, nas que a Semana Santa actuaba como inicio da súa tempada, terán que agardar ao verán para ver os seus estabelecementos a pleno rendemento, vaticina.

Independentemente do que aconteza, Ballesteros recoñece que a situación do sector é "dramática". "Non estamos obrigados a estar fechados, como o ocio nocturno, nin nos afectan as limitacións. Simplemente non temos clientela e iso é unha situación difícil de levar", lamenta. Boa parte do sector está fechado por esta razón, aínda que hai "honrosas excepcións" de hoteis que "traballan aínda perdendo cartos". 

Turismo Rural

Entre esas excepcións está o turismo rural. Ao igual que aconteceu no verán, é a parte do sector turístico que mellor se está a comportar desde o inicio da pandemia. Xa no verán demostrou ser a opción preferida de moitas galegas e galegos, xa que, ademais de proximidade, estes estabelecementos posibilitan un menor contacto con terceiras persoas e, polo xeral, unha oferta de ocio vencellada a espazos naturais abertos e saudábeis.

Segundo datos do portal Casasrurales.net, a día de hoxe a ocupación nos aloxamentos de turismo rural na Galiza para Semana Santa alcanza 66,07%. Con todo, é, por detrás da Rioxa (64,37%), o territorio que peores datos presenta. No conxunto do Estado español a ocupación sitúase en 75,22%, un nivel similar ao do ano pasado por estas datas, antes do aluvión de cancelacións provocado polo estado de alarma.

Comentarios