O delegado do Goberno español na Galiza, Javier Losada, fixo un chamamento a que a mobilidade sexa "a menor posíbel" na Galiza durante a ponte de San Xosé e a Semana Santa.
En declaracións aos medios en Santiago hoxe antes de participar no congreso de UXT, Losada informou que en Semana Santa haberá un operativo de Garda Civil e Policía que controlará os desprazamentos "cara a Galiza", dado que está pechada perimetralmente. Así, avisa que haberá "tolerancia cero".
De tal forma, chamou á "responsabilidade" e a non "baixar a garda" para cumprir con "todas" as normas que decida a Xunta fronte á pandemia.
Igualmente, vanse realizar controis nos concellos, con colaboración da Policía Local, para detectar a aquelas persoas que puidesen eludir os operativos de entrada a Galiza.
Os axentes farán controis na hostalaría, "axudando a que os usuarios cumpran todos os requisitos que a Xunta indique". "É a mellor forma de que este sector poida seguir aberto", agrega.