Salarios, empregos e pensións dignas, os eixos das reivindicacións da CIG este 1 de Maio

Manifestación da CIG polo Primeiro de Maio en Vigo (Foto: Nós Diario).
De acordo co líder do sindicato nacionalista, Paulo Carril, “estamos en tempos de loita e sabemos da necesidade de saír á rúa para facer fronte a unha situación crítica de carestía da vida”.

“Saímos en 15 mobilizacións por toda a Galiza baixo o lema ‘Paremos o saqueo! Emprego, salarios e pensións dignas’ nun chamamento á loita e á mobilización”. Así se manifestaba na mañá deste Primeiro de Maio o secretario xeral de Confederación Intersindical Galega (CIG), Paulo Carril.

De acordo co líder do sindicato nacionalista, “estamos en tempos de loita e sabemos da necesidade de saír á rúa para facer fronte a unha situación crítica de carestía da vida”.

En declaracións aos medios desde Vigo, cidade onde tivo lugar a manifestación central da CIG, Carril asegurou que “nin o Goberno galego nin o español están tomando as medidas que permitan mellorar esta situación. As grandes empresas duplican os seus beneficios mentres o salarios baixan cada vez máis”.

“O capital está tirando proveito dunha forma escandalosa da guerra en Ucraína conseguindo beneficios históricos. Todo isto mentres o poder adquisitivo da clase traballadora sitúase ao nivel do que había 1996”, acrecentou o secretario xeral da CIG.

“Máis loita”

En palabras do líder da CIG, é precisa nesta situación, “máis loita e máis mobilización contra unha patronal que está cómoda e satisfeita por unha situación de absoluta parálise da negociación colectiva”.

Paulo Carril tamén se manifestou acerca das folgas do persoal de transporte por estrada e so metal, as cales puxo como “exemplo do que se debe facer e de que temos que seguir así”.

Con todo, para Carril hai espazo para a esperanza: “Grazas a que a CIG ten unha presenza sindical maioritaria na Galiza e que a loita é a forma fundamental de conquista de dereitos, vemos como hai posibilidade de incremento dos salarios”.