O persoal do transporte por estrada intensifica a protesta antes da folga

Patronal e sindicatos do transporte por estrada reuniranse antes dos paros.
Protesta do sector do transporte por estrada, esta terza feira en Compostela (Foto: Nós Diario).
photo_camera Protesta do sector do transporte por estrada, esta terza feira en Compostela (Foto: Nós Diario).

Persoal do transporte por estrada volveu saír ás rúas esta terza feira para reclamar á patronal que sente a negociar subas salariais e melloras no servizo, reivindicacións que os levarán a dúas novas xornadas de folga, convocadas para esta quinta feira e esta sexta feira, mentres advirten de que irán a un paro indefinido a partir do 8 de maio se non se producen avances.

"O sector está patas para arriba", denunciaron os portavoces da CIG, Xosé Pastoriza, de CCOO, Raúl Rodríguez, e de UXT, Miguel Campos, ao comezo da manifestación en Compostela que serviu de antesala para a dobre xornada de paros.

Antes, a representación do persoal e a patronal están chamadas a participar nun encontro organizado esta cuarta feira no Consello Galego de Relacións Laborais, no que se pretende achegar posturas para desencallar o conflito. 

Os sindicatos censuran a falta de movementos por parte da patronal e a ausencia dun papel activo por parte do Goberno galego, do que dependen "90%" das liñas englobadas baixo os convenios que solicitan revisar para compasar os salarios á taxa de incremento do Índice de Prezos de Consumo (IPC).

Intervencións sindicais

"As cousas non cambiaron. Hai unha proposta irrisoria da patronal e ningún movemento desde a última folga (a do pasado 31 de marzo)", aseverou Xosé Pastoriza. "Ten que haber (na reunión desta cuarta feira) unha oferta moi grande para poder ir a unha suspensión (da folga)", dixo antes de situar en "99%" a probabilidade da continuidade dos paros.

Raúl Rodríguez destacou a situación "envellecida" e "desfasada" dos autobuses, que repercute na seguridade de choferes e persoas usuarias. "Botamos en falta a implicación nese sentido, que se cumpran os pregos e que os coches cos que se traballa estean en condicións", apuntou. 

Pola súa parte, Miguel Campos incidiu en que o persoal leva "dous anos esperando que se negocie" un novo convenio no que "se teña en conta" a situación dun sector "precarizado". "A falta de condutores provén diso, da precarización absoluta", remarcou antes de aclarar que "cada ano a situación é peor".

Comentarios