A clase traballadora galega conmemora o Primeiro de Maio

Manifestación da CIG este Primeiro de Maio no Calvario, Vigo (Foto: David Rodríguez).
A Confederación Intersindical Galega (CIG) leva o maior peso nas mobilizacións na Galiza con até 15, case todas ás 12 horas do propio Primeiro de Maio.

Até 15 vilas e cidades galegas viven unha xornada de reivindicación por causa do 1 de Maio, Día da Clase Traballadora. Múltiples mobilizacións percorren o país reclamando “salarios dignos” e mellores condicións laborais para a clase traballadora.

A Confederación Intersindical Galega (CIG) leva o maior peso nas mobilizacións na Galiza con até 15, case todas ás 12 horas do propio Primeiro de Maio.

Tamén a Unión Xeral de Traballadores e Comisións Obreiras (UXT e CCOO respectivamente) convocaron mobilizacións en até sete localidades do país, tendo tamén case todas elas o seu inicio ás 12 horas.

Ambas as marchas centrais levaranse a cabo na cidade de Vigo con media hora de diferenza e puntos de partida diferentes. UXT e CCOO partirán ás 11.30 horas de Vía Norte, mentres que a CIG sairá ás 12 horas da Dobrada.

“Paremos o saqueo”

‘Paremos o saqueo! Emprego, salarios e pensións dignas’ é o lema baixo o que a CIG convocou as mobilizacións. Para o sindicato nacionalista, tanto o Goberno galego como o español foron “incapaces de enfrontar a grave carestía da vida nin frear o aumento das desigualdades e da pobreza”. Por iso chaman a mobilizarse “en defensa dos servizos públicos, da recuperación económica, a industrialización e a creación de emprego digno na nosa terra”.

Sobre a suba de prezos, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, asegurou que “está a causar unha importante deterioración nas condicións de vida da clase traballadora e da maioría do pobo galego”.

Unha situación perante a que cuestionou que na Galiza haxa estes altos prezos nos alimentos “cando somos produtores dos principais produtos da cesta da compra, como leite, carne ou peixe”.

A reforma das pensións tamén centra gran parte das críticas da CIG. “Son reformas claramente lesivas e regresivas feitas para satisfacer as duras exixencias da UE para recibir uns envelenados fondos europeos que están a hipotecar o noso futuro”, manifestou Carril.

Para alén diso, o crecemento en apoios da dereita e da extrema dereita tamén foi albo de análise por parte da central sindical que afirmou que é necesario confrontar este avance “non alimentalo facendo as mesmas políticas económicas inxustas que eles fan onde gobernan”.