Un de cada 15 lugares está deshabitado

O rural galego négase a sucumbir á "invasión eólica"

O repotenciamento do parque eólico de Corme botou as últimas habitantes de Candelago (Foto: Nós Diario).
En Candelago (Ponteceso) só queda un habitante, mais ao non estar censado na aldea esta figura como un dos 2.088 lugares despoboados do país. A instalación de 61 aeroxeradores ao carón das casas acabou por completar un proceso de éxodo que se viña producindo nas décadas anteriores. Hoxe a metade de Candelago está en venda por 200.000 euros, e na Galiza centos de aldeas loitan por defender o seu modo de vida fronte a unha "invasión eólica" que, sumada á falta de servizos no rural, podería obrigalas a colgar o cartel de "véndese".

Das perto de 78.000 entidades de poboación que hai no Estado español, máis dun terzo —30.362— atópanse en territorio galego. Porén, segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), apenas unha de cada tres constitúen un núcleo habitado, mentres as restantes son lugares diseminados, isto é, con vivendas ou edificacións dunha entidade singular que non poden incluírse no concepto de núcleo pola dispersión das mesmas.

O éxodo rural producido nas últimas décadas propiciou que, segundo o IGE, 38% da superficie do país estea hoxe baleira. De feito, son 2.088 as entidades de poboación que non teñen ningún habitante censado, practicamente o dobre que a comezos de século. Aliás, noutros 2.400 lugares viven só unha ou dúas persoas.

Precisamente son as zonas "economicamente deprimidas" as que elixen promotoras de parques eólicos como a norueguesa Statkraft para levar a cabo os seus proxectos. Neste senso, o Observatorio Eólico da Galiza vén advertindo nos últimos meses do desembarco no país de empresas que ofrecen "contratos con condicións inaceptábeis" para as comunidades rurais, abocándoas a un "rol marxinal" mentres seguen a perder poboación.

As zonas "economicamente deprimidas", o obxectivo das promotoras eólicas

Os parques eólicos, insisten as promotoras, traerán á Galiza rural emprego e, en consecuencia, novos habitantes. Os datos, porén, contradín esta cuestión. Segundo un estudo da Asociación Eólica da Galiza (EGA), a patronal do sector, en 2019 eran 4.886 os empregos directos derivados da enerxía eólica, dos que apenas 479 corresponden á explotación dos propios parques, máis de 170 en todo o territorio galego, isto é, menos de tres postos de traballo xerados en cada polígono.

En Muras, onde están operativos 389 muíños distribuídos en catro parques, o seu alcalde, Manuel Requeixo, sinalaba recentemente a este xornal que apenas hai cinco empregos directos vencellados ao sector. Muras ten hoxe 57 lugares totalmente despoboados, 33 máis que no ano 2000, cando figuran os primeiros rexistros.

Cousa semellante acontece en Ourol, que conta con seis polígonos eólicos e máis dun cento de turbinas a través de todo o municipio. Nas últimas dúas décadas pasou de 27 a 52 lugares sen habitantes. É o caso da Ferrería, na parroquia ourolesa de Bravos, situada ao carón do parque eólico Pena Ventosa e vendida recentemente a través dun portal inmobiliario após marcharen os últimos poboadores autóctonos.

O principal argumento utilizado para escoller estes emprazamentos no canto dos principais centros de consumo é "minimizar" os impactos negativos das infraestruturas, mais as plataformas sociais contrarias ao inzamento masivo de aeroxeradores nas aldeas resístense a converter os seus fogares en polígonos eólicos.

"Case a metade dos núcleos de poboación do Estado están na Galiza. A nosa constitución xeográfica é moi peculiar, habitamos aldeas pequenas e dispersas, pois é o noso modo de vida. Construímos as vivendas en sitios pequenos onde temos acceso a recursos como a auga; hai milleiros de razóns polas que a nosa poboación está tan diseminada", sinala a Nós Diario a portavoz da Rede Galega por un Rural Vivo, Jessica Rei. Debido ás peculiaridades da ordenación territorial da Galiza, cre que o impacto da "invasión eólica" sería "moito máis prexudicial aquí que noutros territorios".

"Os eólicos farannos máis pobres e teremos que marchar", di Jessica Rei

Aliás, a tamén representante do colectivo Salvemos a comarca de Ordes salienta o caso da aldea de Gasalla, en Frades, que "ficaría arrodeada por sete aeroxeradores". Hoxe habítana once persoas, malia que, de saír adiante o parque eólico homónimo —promovido por Capital Energy, aínda na fase inicial da tramitación—, poderían verse obrigadas a abandonar o que se convertería nun "lugar suburbial".

"Os parques perto das aldeas son un motor para baleiralas e facernos máis pobres, porque cómpre ter en conta que só reciben beneficios económicos as e os propietarios dos terreos sobre os que se erguen os aeroxeradores. Para o resto, que sufriremos os impactos negativos e os nosos predios perderán valor, non hai compensación ningunha", lamenta.

Aldeas á carta

A Xunta da Galiza iniciou este verán unha proba piloto para lanzar un portal inmobiliario con perto de 3.000 aldeas abandonadas e centos de núcleos habitados por unha ou dúas persoas á venda. Na fase experimental deste proxecto puxéronse á venda dous núcleos despoboados de Sober. Na actualidade, unha plataforma dixital de iniciativa privada xa oferta 52 lugares. Un deles é Candelago, en Corme (Ponteceso), composto por unha ducia de antigas casas mariñeiras, hórreos e alpendres abandonados.

Todas agás a vivenda de Xosé, un home que emigrou ao Uruguai na década de 1960 e, cando volveu hai 20 anos, un parque eólico composto por 61 aeroxeradores situados a escasos metros das vivendas acabou por empurrar os poucos veciños que quedaban a marchar. Agora, malia que durme na súa casa de Corme por cuestións familiares, pasa o día en Candelago. Mais non consta nos rexistros ao non estar censado na aldea, que se oferta —só a metade dos terreos e as edificacións— a un prezo de 200.000 euros.

"Abandonada non está. Xosé habita a súa casa e ten animais, unha horta... Todo moi ben coidado. E non é o único, até hai poucos meses unha antiga granxa de Candelago estaba habitado pola asociación Carabel das Cabras. Facían obradoiros e coidaban da terra, mais o proxecto tivo en fronte a Administración local desde o principio, semella que lle interesaba o abandono da aldea", explica a este xornal Óscar Calvo, do colectivo Amigas da Serpe.

Os muíños están a escasos metros da aldea de Candelago, en Corme (Ponteceso)

Carabel das Cabras abandonou o lugar a comezos deste ano, cando se produciu o repotenciamento do parque eólico, que pasou de 61 a sete turbinas, mais as súas dimensións tamén mudaron dos 45 metros de alto que medían daquela aos 150 actuais. "É imposíbel vivir a 200 metros dun aeroxerador, tanto para os animais como para os humanos. Non sei quen vai querer mercar uns terreos ao carón dos eólicos, porque non poderá promover ningún negocio de turismo rural con esa contaminación acústica e visual", afirma.

O parque, alén de non respectar a distancia ás vivendas de 500 metros, está construído en plena Rede Natura 2000. Isto foi posíbel porque, daquela, a normativa de medio ambiente non impedía ningunha destas cuestións. E na actualidade está permitido repotenciar parques eólicos xa existentes nestes espazos protexidos.

Así as cousas, Calvo cuestiona que as administracións presuman da venda da aldea como unha "oportunidade única" na Costa da Morte. "O rural sempre tivo centos de oportunidades. Levamos anos dándollas, mais non houbo interese en axudarnos porque para algúns a oportunidade era unicamente pór Candelago en venda. Aquí había hortas e animais, até que chantaron os eólicos e deixaron que morrese aos poucos", sostén.

Amigas da Serpe fundouse hai poucos días para reivindicar o legado de Candelago e defender a vida nas aldeas. "Polo menos queremos axudar a frear outros parques eólicos coma este. Xa pasaron por riba da xente unha vez, agardemos que non o volvan facer", conclúe Óscar Calvo, cun ton serio mais sen perder o optimismo.