O portal de vivendas no rural da Xunta: entre a "propaganda" e porta aberta á "especulación"

O proxecto dunha plataforma dixital para a venda e o alugueiro de inmóbeis no rural presentada pola Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda como solución ao abandono do rural está a levantar críticas desde as organizacións agrarias. Na Federación Rural Galega (Fruga) cren que fomentará a especulación e no Sindicato Labrego que faltan servizos.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presentando a plataforma en Sober o pasado 25 de xuño (Xunta da Galiza).
photo_camera A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presentando a plataforma en Sober o pasado 25 de xuño (Xunta da Galiza).

O anuncio do lanzamento dunha plataforma dixital que facilite a venda ou o alugueiro de inmóbeis situados en zonas rurais por parte da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, como unha medida para combater o despoboamento e reactivar o rural abandonado, recibiu numerosas críticas das organizacións agrarias.

O Goberno galego implicou na difusión do proxecto á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), ao Colexio Oficial de Administradores de Fincas da Galiza e ao Colexio de Axentes da Propiedade Inmobiliaria da Coruña, cos que acaba de asinar un convenio de colaboración e abriu o portal coas primeiras incorporacións situadas no concello de Sober, onde realizou a súa presentación.

Especulación no rural

Manuel da Cal, coordinador da Fruga, rexeita esta proposta e opina en declaracións a Nós Diario que a Xunta "está empeñada en vender o país a cachos e facilitar a entrada da especulación inmobiliaria". Desde esta organización nacionalista pensan que a idea é "unha medida de propaganda" que quedaría encadrada "dentro da estratexia neoliberal do PP, xunto coa lei de recuperación da terra agraria, a primeira revisión do plan forestal da Galiza e a lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica da Galiza". 

Da Cal considera que o Goberno galego debería "buscar saídas produtivas, alternativas comercializadoras e de produción que axudarían a revitalizar o rural". Neste sentido, para a Fruga o futuro do rural galego pasa por "potenciar as súas capacidades e posibilidades acompañado do feche dos ciclos produtivos, coa creación das correspondentes industrias de transformación" como veñen reivindicando en numerosas ocasións.

A idea da especulación nas vivendas, para esta organización, iría máis alá e sumaríase á "da que se está a facer coa declaración de terras en abandono que facilitará a implantación  de calquera tipo de proxectos, en prexuízo das maiorías sociais". Neste sentido Da Cal alerta de que en poucos anos "viviremos unha situación na que quedarán moitas fincas en todo o territorio abandonadas que pasarán a  engordar esta especulación". 

Carmela Lavandeira, vicepresidenta dos Administradores de Fincas, explica a Nós Diario que a plataforma era unha medida que solicitaran "para facilitar o acceso ao rural onde a vivenda é moito máis económica" e en ningún caso considera "que haxa especulación, máis ben a posibilidade de que se dea saída aos inmóbeis abandonados por parte de propietarias e propietarios que non os empregan". 

Estudar as causas do abandono do rural 

Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), propón que para tratar o abandono do rural galego "primeiro hai que recoñecer as súas causas". Ao seu entender a primeira delas sería "a falta de actividades que xeren posibilidades de emprego en determinadas comarcas" xunto a unha "redución importante de servizos". Para Vilalba "a Xunta ten a responsabilidade de que se xere emprego e que se continúe a vivir neses lugares ao tempo de manter eses servizos" polo que esta plataforma "quere desviar a atención" sobre o que acontece.

Denuncia que "non só non hai programas para incentivar que as persoas creen riqueza nestas zonas senón que poñen dificultades burocráticas permanentes a quen o intenta". Explica a Nós Diario que non acontece o mesmo "con determinadas grandes empresas" que teñen “máis facilidades na actualidade" para instalarse. Para esta organización sería "unha equivocación" que estas vivendas pasasen a ser segundas residencias no rural. "Terán que contar con servizos e infraestruturas mais non contarán cos habitantes para manter vivo o rural".

Comentarios