Unha rocha de 14 toneladas roda “descontroladamente” monte abaixo desde as obras dos eólicos do monte Acibal

Rocha atopada por veciñanza da contorna do monte Acibal, dunha masa estimada de 14 toneladas e con buracos para ser dinamitada. (Foto: @Amilejuas1)

A pedra tiña “buracos preparados para inserir dinamita”, denuncia a veciñanza da contorna

Veciños da zona do monte Acibal ‑que comprende os municipios de Barro, Campo Lameiro e Moraña, entre as comarcas de Caldas e Pontevedra‑ acharon unha rocha de grandes dimensións, segundo os seus cálculos dunhas 14 toneladas, a uns 200 metros monte abaixo das obras do polígono eólico Acibal, cuxa execución foi suspendida preventivamente en outubro de 2023.

Segundo indicaron o colectivo Amil sen Eólicos e Colectivo do Vento, o achado foi comunicado na tarde da cuarta feira ao Seprona, servizo de protección á natureza da Garda Civil ao que se informou da existencia dunha pedra de granito de grandes dimensións, "con buracos preparados para inserir dinamita". Sobre iso, sinalan que son iguais aos que Norvento ‑concesionaria do parque‑ realizou para "dinamitar o Coto do Mouro", no Monte Acibal.

As persoas que recollen a denuncia explican que a pedra, cun peso estimado de 14, "rodou descontroladamente monte abaixo até chegar aos 215 metros do límite das obras", xusto debaixo da explosión que voou polo aire o Coto do Mouro, segundo sinalan.

Ademais, engaden que se pode "apreciar" o camiño percorrido pola pedra, que destruíu xestas de até catro metros de alto "coma se fosen palla". A rocha, din, atravesou dous camiños de monte, "supostamente durante a dinamitación do coto, da que non houbo aviso previo á veciñanza", que alerta das "catastróficas consecuencias de que puidera atoparse alguén pola zona o día das voaduras".

A seguir, advirten do perigo para a integridade dos petróglifos, polo que denuncian "o extraordinario perigo ao que se somete ás persoas e ao patrimonio histórico".