As residencias elevan a 267 as persoas con coronavirus

Instalacións da residencia en Celanova (San Carlos).

Os casos positivos na Galiza aumentaron até os 267 afectados, un 8,9% máis que ás 15 horas do sábado, 207 persoas maiores e 60 traballadores.

Nas últimas horas do sábado contabilizáronse 22 casos máis nas residencias de maiores, 17 deles en usuarios e 5 en empregados. Os novos casos apareceron na residencia O Portazgo da Coruña, que conta con 19 casos activos (+9), na de Nosa Señora da Esperanza en Ourense, que suma 11 diagnósticos (+6), na Concepción Arenal da Coruña que crece até os 4 (+2) e un novo na Residencia As Fragas de Pontedeume.

O resto de residencias manteñen os datos do sábado ao mediodía: DomusVi O Barreiro de Vigo encabeza a lista con 74 casos e séguelle Celanova (45), DomusVi Santiago (22), Nosa Señora de Fátima no Barco de Valdeorras (10), Divino Maestro de San Rosendo, en Ourense, (3), DomusVi Cangas (6), Fogar Bellolar (3) e a de Castro Caldelas (2).

A todos eles súmanse aos casos individuais que se rexistraron na Residencia de Arteixo, Nosa Señora do Carme en Fisterra, Residencia Betania en Viveiro, Nosa Señora da Asunción de Caldas de Reis, Fundación José Otero de Santiago, DomusVi de Monforte de Lemos e o Centro Residencial de Atención a Persoas Dependentes (Crapd) de Vigo.

Persoas falecidas

Ademais destas cifras, confirmáronse dúas mortes con coronavirus en residencias: unha delas no Portazgo (onde xa morreron tres persoas en total) e outra de Fogar Bellolar da Coruña (que suma dúas vítimas mortais).

No conxunto da Galiza morreron 12 persoas procedentes de residencias. As outras dez faleceron en DomusVi Santiago (3), Castro Caldelas (1), Celanova (1), DomusVi Barreiro (1) e DomusVi Carballo (1).

Traballadores afectados

Os empregados destas instalacións tamén son os grandes afectados desta pandemia, que durante o día de onte sumou cinco casos máis e sitúanse en 60. Os últimos diagnósticos positivos apareceron todos eles no Portazgo.

No resto existen 18 casos en Celanova, 11 na DomusVi San Lázaro, outros tantos na DomusVi O Barreiro, 4 en Nosa Señora da Esperanza, 2 en Cangas, 2 en San Pedro (Crecente), un 1 San Xosé (Ourense), 1 en Bellolar, 1 en Remanso Claudina-Somoza (A Coruña), 1 en San Simón (Teo), 1 en CRAPD Vigo e outro na de Foz.

Persoas con discapacidade

Nos Centros de Atención para Persoas con Discapacidade os casos confirmados por Política Social aumentan até nove afectados (+1) en Aspronga (1), Redondela (5), Aixiña (1) e Santa Cruz de Rosendo (1) e en Residencia Dano Cerebral Cruz Vermella de Castro de Rei (1).

Ao mesmo tempo, a cifra de traballadores que padecen o virus mantense en sete: catro de Redondela, un da Vivenda Tutelada Ágora, de Monforte de Lemos e outro na de Santiago e un novo no CAPD de Sarria.