"Recibimos dúas 'fashionarias', Pontón e Díaz". Este foi o comentario machista dun concelleiro do PP de Compostela

A publicación do concelleiro do PP en Compostela, Adrián Villa (Foto: X).
A publicación foi feita polo concelleiro do PP en Compostela, Adrián Villa, e segundo o Bloque trátase dun “novo exemplo do machismo máis rancio, que considera que se pode xulgar ás mulleres pola súa maneira de vestir”.

O BNG denunciou esta sexta feira o “último comentario machista do Partido Popular” a través dunha publicación nas súas redes oficiais na cal se critica a maneira de vestir da portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, e da vicepresidenta do Goberno español Yolanda Díaz, ás que se tilda de “fashionarias”.

A publicación foi feita polo concelleiro do PP en Compostela, Adrián Villa, e segundo o Bloque trátase dun “novo exemplo do machismo máis rancio, que considera que se pode xulgar ás mulleres pola súa maneira de vestir”.

O comentario foi posteriormente compartido na rede social X (antiga Twitter) pola conta oficial do PP galego.

O BNG entende que estamos ante “unha nova mostra de que o feminismo segue e a ser unha materia pendente para o PP, que persiste en actitudes machistas que son un auténtico freo para avanzar nunha sociedade en igualdade”.

Neste sentido, o Bloque pide a Rueda que faga unha desautorización inmediata e contundente do concelleiro popular de Santiago, deixando claro que na sociedade galega de 2023 “non é tolerábel este tipo de actitudes machistas nas cales se critica as mulleres pola súa forma de vestir”.

“Do contrario, o presidente da Xunta estaría consentindo e branqueando unha actitude machista por parte dun cargo público do PP que a maioría da sociedade galega rexeita”, acrecentan desde a formación nacionalista.

Adrián Villa

O autor da publicación, Adrián Villa foi responsábel de Novas Xeracións (organización xuvenil do PP) en Santiago de Compostela.

Deixou o cargo en 2017 por “falta de confianza” nos responsábeis do seu partido a nivel local.