As mulleres deportistas continúan minorizadas na radio e na televisión

Protagonizan só unha de cada dez pezas informativas.
O prazo para que chegue aos 14,55 metros remata o 30 de xullo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Con tan só 26 anos, a ribeirá Ana Peleteiro xa é unha lenda viva do atletismo galego. (Foto: Nós Diario)

Un estudo levado a cabo polo Consello Superior de Deportes (CSD) sobre o tratamento informativo do deporte feminino nos medios de comunicación revela que as mulleres continúan estando discriminadas neste contexto.

Así, o informe, que abrangueu a década comprendida entre os anos 2011 e 2021, conclúe que existen claras "asimetrías" entre o deporte masculino e o feminino tanto a nivel cuantitativo como cualitativo, xa que as mulleres só están presentes en 8,2% das noticias na televisión, mentres que en radio esa porcentaxe medra lixeiramente, até 15,4%.

O estudo, que leva por título Tratamento da información deportiva de mulleres no deporte: análise da linguaxe, tamén indica que en 44% das informacións que aborda o tratamento entre home e muller resulta "asimétrico".

"Os sesgos discursivos continúan presentes, tales como a comparación habitual co deporte masculino, ou a relación das deportistas e os seus éxitos con aspectos extra profesionais, chegando a apartar incluso a información deportiva do relato para centrarse na súa vida persoal".

Os Deportes de 'Nós Diario', unha excepción

A situación na sección de Deportes de Nós Diario difire do reflectido no estudo levado a cabo polo Consello Superior de Deportes. Unha análise das 57 pezas informativas publicadas neste xornal no que vai de mes de maio evidencia que as mulleres son as protagonistas absolutas en 18 ocasións, exactamente as mesmas nas que os homes monopolizan a noticia.

Ademais, nas 21 pezas informativas da sección de Deportes restantes publicadas en Nós Diario desde o primeiro de maio o peso estaba repartido entre as deportistas femininas e os masculinos.

Comentarios