Parlamento

O PP tomba unha proposta do PSdeG sobre "turismo sostíbel"

Unanimidade en relación aos fondos Next Generation.
A Comisión de Enerxía, Comercio e Turismo reuniuse esta quinta feira. (Foto: Parlamento da Galiza)
photo_camera A Comisión de Enerxía, Comercio e Turismo reuniuse esta quinta feira. (Foto: Parlamento da Galiza)

O voto en contra do PP impediu esta quinta feira a aprobación, na comisión parlamentaria de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, dunha proposición non de lei presentada polo PSdeG, e que tivo o apoio do BNG, na que se demandaba un "novo modelo turístico para a Galiza". A deputada socialista Leticia Galego acusou a Xunta da Galiza e o PP de defender un modelo “errático e esgotado” no canto de impulsar un modelo de "turismo innovador e sustentábel".

Daniel Pérez (BNG) incidiu na necesidade de "mudar o modelo turístico actual", que basea o seu éxito no "cuantitativo", impedindo así "avanzar cara a que Galiza sexa un destino de excelencia, desestacionalizado e con retorno económico".

Pola súa parte, Borja Verea (PP) indicou que o sector turístico na Galiza "leva tempo" avanzando en sustentabilidade e innovación. "A Galiza é un caso de éxito en turismo, temos un modelo turístico propio".

Na outra comisión parlamentaria que se reuniu esta quinta, a Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, aprobouse por unanimidade unha proposición non de lei do PSdeG para reclamar á Xunta que remita un informe sobre o traballo despregado pola Comisión para a Planificación e Impulso de proxectos que aspiran a fondos europeos Next Generation.

O portavoz de Transparencia do grupo socialista, Pablo Arangüena, presentou esta iniciativa a raíz da publicación do informe do Consello de Contas que advertiu de que o órgano “non funciona nin cumpre coas súas funcións”. O ente fiscalizador foi incapaz, sinala, de acceder ás actas das reunións da Comisión de Planificación, nunha demostración "da falla de transparencia que exerce o Goberno galego".

Nesa mesma sesión, Iria Carreira (BNG) reclamou máis dilixencia para resolver o conflito nos parques de bombeiros. A nacionalista denunciou que o persoal fai "centos de horas extra" mentres percibe retribucións 30% por baixo de traballadores análogos doutras Administracións.

Comentarios